O BlackBerry Classic sae á venda en Norte América

mércores, 17 de decembro do 2014 Marcus Fernández

Hai pouco máis dun mes BlackBerry abría en Norte América as reservas para o seu novo smartphone BlackBerry Classic, unha volta ás orixes da compañía canadense que busca desesperadamente recuperar cota de mercado e manter usuarios. Aínda que en España non veremos o produto até 2015, hoxe púxose á venda por 449 dólares nos EE.UU. e por 499 dólares en Canadá, polo que durante os vindeiros días comezaremos a ver cal é a recepción do público dun dispositivo que dá a impresión de que vai ter unha boa acollida entre os incondicionais da marca, que poderán gozar dun smartphone moderno que mantén o deseño dos teléfonos da época dourada de RIM.
Lembremos que ese novo terminal conta cun tan demandado teclado físico QWERTY baixo unha pantalla cadrada de 3,46 polgadas cunha resolución de 720 x 720 píxeles (que permite unha boa reprodución de contidos). Este smartphone 4G funciona cun procesador Qualcomm de dobre núcleo a 1,5 GHz, ten 2 Gb de RAM, 16 Gb de almacenamento interno, cámaras de 8 e 2 Mpíxeles, Wi-Fi N e Bluetooth 4.0, polo que estaría na liña de moitos terminais de gama media no mercado pero, aparte de gozar do mencionado teclado físico, tamén buscaría gañarse o favor dos usuarios cunha boa autonomía. Para paliar a falta de aplicacións para BlackBerry 10 lembremos que esta plataforma conta coas ferramentas para poder correr aplicacións para Android.