O BlackBerry Storm podería converterse no iPhone para profesionais

mércores, 8 de outubro do 2008 Marcus Fernández

O vindeiro mes Vodafone comercializará en case toda Europa o novo terminal BlackBerry Storm, que destaca por acadar un equilibrio entre as funcionalidades corporativas dos terminais de RIM e o uso multimedia de móbiles coma o iPhone.
O BlackBerry Storm conta cunha pantalla multitáctil de 3,25 polgadas (a máis grande dun terminal de RIM) cunha resolución de 480 x 360 píxeles que fai uso de tecnoloxía háptica no seu teclado virtual (ou sexa, que se ten a impresión de premer as súas teclas mediante unha lixeira vibración). Incluso podemos destacar que conta coas funcións de copiar e pegar ou o envío e recepción de MMS que tanto se botan en falta no móbil de Apple.
O móbil incorpora unha cámara de 3,2 Mpíxeles que permite a gravación de vídeo, inclúe unha tarxeta de memoria microSD de 1 Gb (soportando memorias deste tipo de ata 16 Gb) e no tocante á reprodución multimedia, podemos facer uso de auriculares con conector estándar de 3,5 milímetros ou con Bluetooth.
Completa o terminal a súa conectividade 3G con soporte de HSDPA e o seu receptor GPS (para o seu uso con Google Maps, Find & Go ou para xeolocalizar fotografías).


Frank H. Rovekamp, director de Marketing de Vodafone, presentando o BlackBerry Storm

PUBLICIDADE