O BlackBerry Z3 é a nova proposta táctil económica de BlackBerry

luns, 28 de abril do 2014 Marcus Fernández

Cando o mercado está a dar a BlackBerry por unha compañía morta, parece que comezan a corrixir os problemas do pasado no relativo aos dispositivos co seu último sistema operativo, apuntando a produtos moito máis asumibles que os smartphones insignia como o Z10 ou o Q10, como será o BlackBerry Z3, orientado a mercados emerxentes como Indonesia, país no que xa pode reservarse o dispositivo por entre 2.199.000 e 2.579.000 rupias indonesias (136,51 e 161,35 euros respectivamente).
Este novo smartphone cunha pantalla táctil de 5 polgadas cunha resolución de 960 x 540 píxeles, procesador Qualcomm MSM8230 de dobre núcleo a 1,2 GHz, 1,5 Gb de RAM, 8 Gb de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas de memoria de ata 32 Gb, cámaras de 5 e 1,1 Mpíxeles, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, un grosor de 9,26 milímetros e un peso de 164 gramos, que parece moi afastado do que estamos afeitos a ver nos últimos terminais da compañía canadense, tendendo a un móbil de gama media-baixa. Incorpora unha batería de 2.500 mAh que non pode extraerse e que promete unha autonomía de ata 15,5 horas en conversa e 16,2 días en espera.
Polo momento non se coñece cando chegará ao mercado europeo, pero sen dúbida será unha boa oportunidade para compañías que queiran manter o uso da plataforma de BlackBerry sen ter que facer un grande investimento económico (o que sería claramente arriscado en vista da pouca confianza depositada polos analistas na empresa).

O BlackBerry Z3 chega cunha pantalla de grande tamaño (5 polgadas) aínda que cunha resolución moi modesta (960 x 540 píxeles)

PUBLICIDADE