O Blu:brain sairá á venda o 15 de febreiro por 399 euros

mércores, 16 de decembro do 2009 Marcus Fernández

Despois de moitas demoras, o disco duro multimedia de Blusens que quere revolucionar o consumo audiovisual do fogar, o Blu:brain, vaise concretando, e xa sabemos que vai venderse en capacidades de 160 e 250 Gb, con 2 sintonizadores de TDT de alta definición (con capacidades de gravación), soporte de rede a través de Fast Ethernet e Wi-Fi (IEEE 802.11g), lector de tarxetas de memoria, 2 portos USB 2.0 para a carga de contidos a través de discos duros externos e unidades de memoria e reprodución de vídeos en alta definición (soportando formatos coma o MKV), chegando ás tendas o 15 de febreiro a un prezo de 399 euros.
Dende Blusens aseguran que chegaron a acordos con diferentes provedores de contidos para vender vídeo baixo demanda (VoD), Over The Op (OTT) e contido IPTV, de xeito que o Blu:brain estará aberto a películas, series e outros programas de televisión mediante streaming, aínda que haberá que coñecer a oferta de contidos deste tipo para poder valorar o servizo.

O Blu:brain contará cunha conectividade bastante completa

En distintas presentacións aseguraban que o Blu:brain contará con conectividade PLC, que permitirse a transmisión de contidos a través da instalación eléctrica do noso domicilio (algo que quedaría por confirmar, pois polo momento non hai ningunha referencia ao respecto na web de Blusens, aínda que supomos que non será unha prestación nativa do Blu:brain, senón o uso dun adaptador coma o GPLC-HOME).
Pero este anuncio de Blusens podería chegar moi tarde, cun mercado saturado de reprodutores multimedia de alta definición que incluso contan con gravación de TDT de alta definición, e teñen un prezo inferior ao do Blu:brain e unha capacidade de disco moi superior, de xeito que un ZoltarTV con 1,5 Tb de capacidade, dobre sintonizador de TDT de alta definición e Wi-Fi N pode atoparse por 299 euros, mentres que o Storex DivaBox, tamén con gravación de TDT e 1,5 Tb de capacidade pode adquirirse por 295 euros. Ambos dispositivos contarían cunha alta compatibilidade de formatos de vídeo, e tería un tamaño e un peso inferiores ao do Blu:brain pese a ter maiores prestacións, aínda que haberá que agardar a ver o trebello de Blusens en funcionamento para poder valoralo axeitadamente, pois neste tipo de dispositivos a súa interface de uso é crucial para o seu éxito, e incluso o seu nivel de compatibilidade cos formatos de vídeo que circulan pola Rede pode ser decisivo para a súa popularización.

PUBLICIDADE