O CERN emprega software desenvolvido no CESGA

martes, 27 de abril do 2010 Redacción

Se de algo podemos estar orgullosos os galegos e galegas que presumimos da calidade da nosa terra alén das nosas fronteiras é da nosa lingua, da nosa gastronomía, das nosas praias (que xa comezan a recibir os primeiros bañistas) e como non, do CESGA, o Centro de Supercomputación de Galicia, que ademais de todo o que leva feito en materia de cálculo e almacenamento masivo de datos, levando o selo galego por todo o mundo, agora pode xactarse tamén de desenvolver software que se emprega, nin máis nin menos que no CERN.
Dende o propio CESGA explican que o WLCG (Worldwide LHC Computing Grid), a infraestrutura grid creada para distribuír, almacenar e analizar os datos que se extraerán dos experimentos do Large Hadron Collider do CERN, está a empregar software desenvolvido polo Centro de Supercomputación de Galicia para EGEE, (Enabling Grids for e-Science) e EELA (e-science grid facility for Europe and Latin America). En concreto, o Portal de Contabilidade (Accounting) e o Portal de Métricas desenvolvidos para EGEE, e o software que permite utilizar o sistema de colas GridEngine.
O proxecto WLCG depende de varios outros proxectos para a subministración de gran parte do software especializado que se utiliza para xestionar a distribución de datos e acceso, así como o envío de traballos e a autenticación e autorización de usuarios; este software é coñecido colectivamente como o middleware Grid. No caso de WLCG, o middleware utilizado denomínase gLite (Lightweight Middleware for Grid Computing). Este middleware é desenvolvido dentro do proxecto europeo EGEE, e é empregado, ademais, en WLCG e EELA.
O CESGA, como membro de EGEE e EELA, desenvolveu o Portal de Contabilidade que permite analizar o uso que se fai dos computadores mediante a xeración de estatísticas de consumo de recursos. O CESGA encargarase de manter o Portal de Contabilidade da futura infraestrutura grid europea, que continuará o traballo iniciado en EGEE ahora baixo o nome de EGI (European Grid Iniciative). Ademais adaptarao ás necesidades deste novo ecosistema no que xogan un papel primordial as NGI (National Grid Iniciatives), os SSC (Specialised Support Centres).

Portal de Métricas
O CESGA desenvolveu tamén o Portal de Métricas para EGEE, que recolle de forma automática información de distintas fontes e xera as correspondentes métricas. O novo portal, que se está a desenvolver, permite medir de forma obxectiva o progreso dun proxecto. Pode seguir a súa evolución de forma sinxela sobre a base de datos actualizados e posibilita a xeración de informes en segundos.
Adicionalmente, o CESGA, en colaboración co LIP de Portugal e o Imperial College de U.K., integrou en gLite, actualmente o middleware grid máis estendido, GridEngine, o sistema de colas utilizado nos superordenadores do CESGA. GridEngine conta con avanzadas funcionalidades que poden ser de grande utilidade aos centros que participan no grid, e que agora teñen a opción de elixir este sistema de colas, adicionalmente á solución torque/maui.

Recursos de Computación a disposición do LHC
O CESGA pon a disposición do WLCG, EGEE e EELA os seus recursos grid, e subministra o aloxamento e colabora no mantemento do Tier2 do Laboratorio de Física de Altas Enerxías da Universidade de Santiago, USC, que se encarga de recibir e analizar os datos do experimento LHCb do CERN.
O CESGA contribúe ademais nos catro experimentos principais (ATLAS, CMS, ALICE e LCHb) que se están a realizar no LHC do CERN, cos seguintes recursos informáticos:
ALMACENAMENTO: 143 Terabytes de almacenamento para os traballos.
CÁLCULO: 404 CPUs para cálculo no SVG (Superordenador Virtual Galego) para a execución de traballos con estas características:
- 80 servidores DELL 750 con procesador Pentium4 a 3.2GHz. 48 servidores dispoñen dunha memoria principal de 1GB e 32 servidores dispoñen de 2GB. Os servidores dispoñen dun disco de 160GB SATA a 7200rpm. Todos estes nodos están interconectados mediante Gigabit Ethernet a un servidor de datos 1750 con 2 procesadores Xeon a 3GHz e 438GB de disco SCSI en configuración RAID 5.
- 40 servidores blade: 36 DELL PE 1955 con dobre procesador quad-core Intel Xeon 5310 a 1.6GHz con 4GB de memoria principal e un disco de 72GB SAS a 10.000rpm e 4 servidores blade DELL PE 1955 con dobre procesador quad-core Intel Xeon 5355 a 2.66 GHz con 8GB de memoria principal e dous discos de 72GB SAS a 10,000rpm. Todos estes nodos están interconectados mediante Gigabit Ethernet a un servidor de datos 2950 con 2 procesadores Xeon 5130 a 2GHz e 4GB de memoria e 1800GB de disco SCSI en configuración RAID 5.
- 2 servidores DELL 1425 con procesador Pentium Xeon64 a 3.2GHz e 3GHz, un con 80GB e outro con 500 GB de disco local SATA.
O tráfico de datos que se estivo a recibir no último ano, está a aumentar notablemente a raíz de que, o de pasado día 30 de marzo se conseguiu no túnel do LHC a maior colisión de protóns en laboratorio da historia, cunha enerxía de 7TeV (TeraelectrónVoltios), dando inicio ao programa de investigación dos experimentos do CERN.

PUBLICIDADE