O CESGA e o CPEIG celebran o Día das Rapazas nas TIC cun coloquio

luns, 11 de abril do 2016 Redacción

O 28 de abril o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) organizan varios actos para conmemorar o Día das Rapazas nas TIC (Girls in ICT Day), no marco do Plan Proxecta e a iniciativa Rapaciñ@s, dirixido especialmente aos centros de secundaria de Galicia.
O Día das Rapazas nas TIC é unha celebración a nivel internacional, orientada a motivar as novas xeracións de mozas para que consideren o ámbito das TIC para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional, e no caso galego os actos de celebración comezarán ás 11 da mañá cun coloquio que se realizará desde varios centros educativos por multiconferencia con catro destacadas galegas emprendedoras, investigadoras e tecnólogas no eido das TIC, ás que o alumnado participante dos centros galegos de Secundaria poderá coñecer e preguntarlles calquera dúbida sobre esta profesión ou as motivacións persoais que as levaron a traballar neste eido. A actividade desenvolverase de 11:30 ata as 12:30 horas.
As participantes no coloquio serán:
- Natalia Costas Lago, enxeñeira en Telecomunicacións e máster en seguridade da información, xestiona a Rede de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia (RECETGA) e os servizos de rede do CESGA, ademais de participar en proxectos innovadores baseados en redes de banda larga.
- Susana Gómez Carnero, Doutora en Enxeñaría Informática, CEO en Origami Soluciones, empresa de consultaría e desenvolvemento de solucións TIC, Directora Executiva BNI Galicia.
- Rebeca García Fandiño, doutora en Química, investigadora da Universidade de Santiago de Compostela e CSO en MD.USE Innovative Solutions, empresa dedicada ao desenvolvemento de software científico e aplicacións educativas para Química a través da realidade virtual.
- Lorena Otero Cerdeira é doutora en Informática pola Universidad de Vigo, docente e investigadora do LIA2 (Laboratorio de Informática Aplicada) da Universidade de Vigo, membro da Xunta de Goberno do CPEIG, na que tamén preside a súa comisión de Igualdade.
Ás 17:30 horas emitirase o fallo do concurso de programación escolar sobre Scratch da iniciativa Rapaciñ@s, e en paralelo, haberá visitas guiadas ao corazón do Finis Terrae 2 , o superordenador do CESGA, así como un obradoiro de impresión 3D. Estas actividades están pensadas para escolares de entre 10 a 14 anos.

PUBLICIDADE