O CNTG acolle estes días a segunda parte do curso Redes Sociais e Comunicación 2.0

mércores, 12 de xuño do 2013 Redacción

O perfil que cadaquén amosa nas redes sociais pode ser unha arma de dobre fío á hora de procurar un emprego, pois é cada vez máis usual que as empresas investiguen na Rede e se atopen coa face menos favorecida dos candidatos presentados. Por estas e outras razóns dará comezo mañá -xoves 13 de xuño- o segundo módulo do curso Redes sociais e comunicación 2.0, promovido polo programa de Voluntariado Dixital. Cómpre dicir que estamos perante a continuación dun primeiro módulo co mesmo título, no que os asistentes tiveron a oportunidade de coñecer as experiencias de varias empresas na implantación da súa estratexia dixital.
Emporiso, nesta segunda quenda -que se levará a cabo os días 13 e 14 de xuño- abranguerase o tema da Identidade Dixital, coa finalidade de amosar a importancia das redes sociais no mercado de traballo e o impacto da web 2.0 na procura de emprego. Asemade, explicarase o mellor xeito de construír unha boa Identidade Dixital para obter un bo posicionamento profesional na Internet.
Máis polo miúdo, na xornada do día 13, Víctor Gómez -experto en consultoría e formación en innovación e marketing- falará do termo de identidade dixital e explicará como tecer unha rede de contactos 2.0. Ao día seguinte -o venres 14- os asistentes coñecerán experiencias prácticas de empresas e organizacións de captación e selección de recursos humanos, da man de Alberto Fernández Varela, socio consultor en EGA Consultores e especialista en desenvolvemento de persoas e busca de talento para organizacións. Ambas as dúas sesións desenvolveranse en horario de 16.00 a 20.00 horas no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) en Santiago de Compostela ou, de non ser posíbel asistir de xeito presencial, a través de videoconferencia nas aulas CeMIT de Ames, Betanzos, Ortigueira, Fisterra, A Coruña, Celanova, A Cañiza e Vigo. Amais, a xornada poderá seguirse a través do Twitter co hashtag #socialmaisTIC.
Engadir, por último, que este curso de Redes Sociais e Comunicación 2.0 é gratuíto e hoxe, 12 de xuño, é o derradeiro día para inscribirse a través da ligazón habilitada para a ocasión.

PUBLICIDADE