O CPEIG celebra este mércores en Santiago unha xuntanza de expertos en liberación de datos
martes, 17 de abril do 2012
O Colexio
Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) en colaboración coa Axencia de Modernización
de Galicia (AMTEGA), organiza este mércores a xornada Open Data, Oportunidades de Transparencia na Era da Información. O
CPEIG reunirá, en horario de mañá, diferentes expertos galegos e do resto de
España para abordar o movemento que aposta por que determinados datos estean
dispoñibles de forma libre a todo o mundo, sen restricións de copyright nin
patentes, ou outros mecanismo de control. A filosofía do Open Data, engade a entidade de enxeñeiras/os, reside en ceibar os
datos co fin de propiciar o seu uso.
O encontro terá
lugar no Auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura, en Santiago O acceso ás
charlas é libre ata completar o aforo. Inaugurará o encontro a directora de
devandita Axencia, Mar Pereira, acompañada polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez
Lorenzo.
Intervirán no
encontro o director de Atención Cidadá do Goberno Vasco, Alberto Ortiz de
Zárate Tercero; o director de Proxectos da empresa galega Bahía Software,
Emilio José Diez Rico; David Cabo, patrono fundador da Fundación Ciudadana
Civio, creador de dondevanmisimpuestos.es e tuderechoasaber.es; María José
García Sexto, directora da Área de Modernización das Administracións Públicas
de AMTEGA, da Xunta de Galicia; e Carlos de la Fuente García, director de
Servizos Tecnolóxicos da Fundación CTIC.
A xornada
pecharase cunha mesa redonda sobre os Retos
de Futuro do Open Data e a clausura, a cargo do presidente do CPEIG.
