O CPEIG celebra o 13 de novembro a Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia

mércores, 4 de novembro do 2009 Fernando Sarasketa

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) conmemora o vindeiro 13 de novembro unha múltiple coincidencia de circunstancias, todas ligadas ao desenvolvemento da nosa terra como país dixital e con capacidade de movemento para facer na Rede o que polo carácter de elemento novo da Internet se viña facendo fóra.
A primeira edición da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia fundaméntase en logros internos do propio Colexio (ter acadado a cifra de 300 colexiadas e colexiados, o seu segundo aniversario de vida, un maior compromiso das institucións e das empresas coa defensa da profesión, etc), pero tamén, e sobre todo, en logros a nivel galego. Entre estes últimos atópase o desenvolvemento experimentando pola nosa terra nestes últimos anos en materia de emprego das redes a todos niveis.
A Noite mesma é pois unha celebración de todo isto, tanto na teoría coma na práctica.
A conmemoración collerá corpo no que ben pode considerarse unha das súas achegas estrela: a entrega dos galardóns Colexiado de Honra (catro), o Premio á Traxectoria Profesional e o Premio ao Proxecto Innovador. Estas distincións, a entregar durante a celebración da Noite mesma, van dirixidas a recoñecer as iniciativas en defensa dos intereses do colectivo que representa o Colexio e da propia sociedade galega no dixital.
Programa de actividades
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia fará entrega dos ditos galardóns o vindeiro 13 de novembro no marco dunha cea de gala que vai celebrar no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela, á que están convidados diversas personalidades da Administración Pública e do ámbito universitario, entre outras.
A programación do acto é a seguinte:
· 21.00h: Cóctel na Capela do Hostal amenizado polo grupo de jazz Bakin Blues.
· 21.45h: Entrega de premios na Capela do Hostal presentada por Paco Lodeiro.
· 22.30h: Cea no Comedor Real
· 23.45h: Actuación final do dúo humorístico Risoterapia no Comedor Real