O CPEIG súmase ao Día de Internet e aposta por unha Rede máis segura, social e respectuosa co medio
martes, 12 de maio do 2026

- Fernando Suárez, presidente do CPEIG
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebra o Día Mundial de Internet, este domingo 17 de maio, unha cita xa consolidada para resaltar a importancia das TIC e fomentar unha sociedade da información inclusiva. O tema central deste ano é a Sustentabilidade na era dixital, enfocado no uso responsable da tecnoloxía.
O CPEIG explica que a sustentabilidade dixital é o enfoque que orienta o deseño, o desenvolvemento e o uso das tecnoloxías dixitais para contribuír ao benestar das persoas, respectar os límites ambientais e xestionar de forma ética e consciente.
O presidente do colexio, Fernando Suárez, sinala que “non se trata só de reducir o consumo enerxético dos dispositivos ou reciclar equipos electrónicos, senón tamén de sustentabilidade ambiental, polo consumo de enerxía dos centros de datos; social, cunha dixitalización inclusiva e centrada en todas as persoas, sen xerar desigualdades; e gobernanza responsable, respectando os valores democráticos e os dereitos fundamentais”.
Así, o Colexio destaca que o obxectivo é construír un entorno dixital máis verde, xusto e humano, onde a tecnoloxía contribúa ao benestar das persoas e o coidado do planeta.
O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, sinala que se está a entrar nunha fase de uso masivo de tecnoloxías, como a intelixencia artificial xenerativa. “Xa non falamos só de adopción ou innovación, senón de responsabilidade, control e confianza. É preciso consolidar unha transformación dixital que non só sexa rápida, senón tamén fiable, segura e centrada nas persoas”, explica.
O CPEIG insiste en que a transformación dixital non é unicamente un reto tecnolóxico, senón tamén un reto social e profesional. “A transformación dixital non pode entenderse só como un proceso tecnolóxico, senón como un reto que esixe responsabilidade, coñecemento e compromiso co interese xeral”, apunta Suárez, salientando o eixo central da celebración: a confianza dixital. Este, di “é un concepto que se constrúe desde o deseño, incorporando seguridade, privacidade e transparencia en cada sistema desde a súa orixe, conectando con cuestións actuais como a ciberseguridade, a protección de datos ou os riscos asociados á IA”.
O presidente do Colexio destaca que outro punto fundamental é reforzar a necesidade da cultura dixital na cidadanía, empresas e administracións. “O verdadeiro salto na actualidade non é só tecnolóxico, senón de capacidades para entender, usar e cuestionar a tecnoloxía”, sinala.
Tamén Fernando Suárez pon en valor o talento tecnolóxico e o ecosistema existente na comunidade galega. “Galicia ten a capacidade de situase como unha contorna de confianza dixital. Precisamos a colaboración entre administracións, empresas, profesionais e cidadanía para construír un entorno dixital máis seguro, inclusivo e digno de confianza”, engade.
