O CSIC amosa nunha web a riqueza histórica e patrimonial das fortificacións da raia

luns, 29 de xuño do 2015 Fernando Sarasketa

O Centro Superior de Investigacións Científicas vén de pór en marcha unha páxina sobre sobre as fortificacións da fronteira do sur de Galicia e o norte de Portugal. Trátase de fortalezas.es, un portal de acceso libre que ten a súa orixe nunha tese doutoral desenvolvida pola investigadora Rebeca Blanco-Rotea, un que obtivo na súa defensa a cualificación de apto cum laude. A investigación de Blanco-Rotea avalía máis de oito conxuntos defensivos e medio cento de fortificacións, e levouse a cabo facendo fincapé nos inmóbeis de época moderna (séculos XVII-XVIII) e co obxectivo último de pór en valor, visualizar e achegar ao público en xeral “o peso estratéxico da fronteira luso-galaica no contexto da Guerra da Restauração Portuguesa (1640-1668)”.
A tese Arquitectura e paisaxe. Fortificacións de fronteira no sur de Galicia e norte de Portugal realizouse no Instituto de Ciencias do Patrimonio (CSIC, Santiago de Compostela) e no Grupo de Investigación en Patrimonio Construído da Universidade do País Vasco - EHU (Gasteiz). Iniciouse en 2003 e estivo dirixida por Felipe Criado Boado (Incipit-CSIC), Agustín Azkarate Garai-Olaun (Universidade do Euskadi) e Juan M. Monterroso Montero (Universidade de Santiago de Compostela).
A web ofrece información (descrición, fotografías, emprazamento, planos históricos...) sobre cada unha das máis de 50 fortificacións estudadas, así como dos oito conxuntos defensivos nos que se artellan, ao que cómpre engadir unha síntese dos principais acontecementos históricos acaecidos no devandito período.
Inclúe tamén un buscador para facilitar a consulta da información e incorpora ao Google Earth como ferramenta de navegación. Dos conxuntos estudados, a investigadora salienta, entre outros, o de Goián-Vila Nova de Cerveira, emprazado nos concellos de Tomiño e Vila Nova, “pola cantidade de fortalezas que o integran e por tratarse no caso galego de fortificacións en terra”; ou o de Amorín-Tui-São Pedro dá Torre-Valença, situado nos concellos de Tomiño, Tui e Valença, un dos máis complexos construído ao redor de dous pasos de barcas históricos sobre o río Miño.
Das fortalezas estudadas destacan, entre outras a Praça Forte de Valença (Valença), o Forte de Bragandelo (Arcos de Valdevez), o Forte de Santa Cruz (A Guarda) ou o Forte de Santiago de Aytona (Salvaterra do Miño).
O estudo realizouse a través de traballo de campo na propia fronteira galaico-uso nos anos 2003, 2009 e 2010, análise documental e traballo de gabinete, tanto para a análise das fortalezas como para a propia web. Este espazo contou co asesoramento de Manuel Gago (Consello da Cultura Galega) e o desenvolvemento correu a cargo da empresa galega Sixtema.
En palabras de Rebeca Blanco-Rotea, “cos traballos realizados constatamos que o que hoxe se coñece como a paisaxe fortificada do Baixo Miño-Val do Minho é o resultado da suma de varios procesos patrimoniais que supoñen o solapado de distintos sistemas defensivos entre os que destacan os da Idade Media e a Idade Moderna; con esta tese o obxectivo foi o de contribuír á rendibilizar socialmente este traballo de investigación, ao tempo que se reverteu a información xerada nunha web, o que fai esta información máis accesíbel ao público en xeral”.
Rebeca Blanco-Rotea (Vigo, 1973) é licenciada en Xeografía e Historia (1996) pola Universidade de Santiago de Compostela e doutora en Arqueoloxía pola Universidade do País Vasco, UPV-EHU (2015). Comezou a súa andaina investigadora na USC en 1997 e continuouna no CSIC en 2002. As súas liñas de investigación desenvólvense ao redor da Arqueoloxía da Arquitectura e a Arqueoloxía da Paisaxe. Na actualidade traballa no Laboratorio de Patrimonio, Paleoambiente e Paisaxe do Instituto de Investigacións Tecnolóxicas da USC e colabora co CSIC.

PUBLICIDADE