O CTAG participa nun proxecto de autobús eléctrico conectado

venres, 17 de marzo do 2023 Redacción

Vodafone proporciona a conectividade 5G no proxecto Digizity, unha iniciativa estratéxica do Concello de Zaragoza financiada polos fondos Next Generation da Unión Europea a través de Plan Tecnolóxico Automoción Sustentable e dirixida a crear unha cidade cero emisións e impulsar a mobilidade sostible mediante solucións innovadoras no transporte público.
No proxecto, deseñado e xestionado por Avanza, participan ademais outras cinco empresas (IRIZAR, JEMA, HISPACOLD, TELNET e NEXTIUM) e tres centros tecnolóxicos (ITAINNOVA, de Aragón; CTAG, de Galicia; e TECNALIA, do País Vasco).
Unha das iniciativas máis relevantes do proxecto foi o desenvolvemento dun autobús eléctrico de cero emisións, conectado, intelixente e ciberseguro, que circulará na liña 40 do transporte público de Zaragoza, coas seguintes características:
– É un autobús conectado: está dotado de comunicacións 5G de Vodafone para a súa comunicación en tempo real con outras infraestruturas, como marquesiñas, e con outros vehículos, para a obtención de datos que permitan unha xestión intelixente da mobilidade da cidade.
– É un autobús automatizado: dispón dun sistema de axuda á condución que automatiza as operacións de aceleración, freado, control lateral (dirección) e mantemento de carril, sen necesidade intervención do condutor. Ademais, está equipado con cámaras e sistemas LiDAR que permiten a detección de obstáculos na vía, aumentando a seguridade na condución.
– É un autobús eficiente: está equipado con sensores que permiten unha maior eficiencia enerxética global segundo as condicións dadas en cada momento (climatolóxicas, de ocupación do vehículo, de tráfico, etc.), e conta cun sistema de xestión térmico que mellora o confort dos viaxeiros.

PUBLICIDADE