O Carballo Interplay proxectará 20 series web dunha ducia de países na súa Sección Oficial (catro galegas)

martes, 26 de marzo do 2024 S. P.

O festival de contidos dixitais Carballo Interplay, impulsado polo Concello de Carballo e Interplay Producións, presentou este 26 de marzo a súa Sección Oficial de series web, que, un ano máis, recolle proxectos de todo o mundo con gran variedade de temáticas e xéneros. Serán 19 producións que se proxectarán divididas en bloques durante os días do festival, que será do 4 ao 7 de abril en Carballo.
A Sección Oficial responde ao obxectivo do certame de apoiar os creadores e creadoras en todas as etapas.
Alén da Sección Oficial, o festival convoca o seu Premio a Produción de Contido Dixital en Galego, un galardón que en palabras dos organizadores é “berce dunha xeración de novos cineastas e creadores de contido”, xa que desta iniciativa saíron series como Xan (2020), de Miguel Canalejo e Lucía Estévez, gañadora dun Mestre Mateo, ou Pringadas (2022), de Belén Puime, que foi un fenómeno en redes sociais. Nesta undécima edición catro proxectos chegaron á fase final, na que durante un pitching mostrarán as fortalezas da proposta ao xurado.
O festival CIP acollerá a estrea de A moza que abortou e o contou, o proxecto gañador na pasada edición ao premio a Mellor Proxecto de Serie Web, cunha contía de 3.000 € que permitiu a produción da serie. A protagonista da historia é Cora, unha moza que decide contar a súa familia que abortou, durante un encontro no Nadal, desatando debates e contradicións que a súa irmá pequena grava co teléfono. Dirixida por Eire Cid e Rosalía Quiroga proxectarase o xoves 4 de abril ás 20:00 no Mercado de Carballo.
Nesta edición o premio dirixido ao desenvolvemento de producións en galego esténdese para aglutinar outros campos da creación dixital, como programas destinados á redes sociais. Os finalistas ao Premio a Mellor Produción de Contido Dixital en Galego presentarán as súas ideas nun pitching durante a tarde do xoves.
Entre as web series internacionais da Sección Oficial do Carballo Interplay atópanse proxectos de Canadá, Arxentina, China, Francia, República Checa, Colombia, Corea, Dinamarca, Australia ou Kazajstan. Ademais, 5 series web galegas presentaranse por primeira vez ao público: Nómades, dirixida por Marta Insua; Poscoito, de Héctor Rodríguez; Pulp Air, de Anita Pico e Rent-a-pal de Irene Pin. As proxeccións divídense en catro bloques en base á súa temática.
O programa inclúe tamén a actividade Sorpresas que da vida, o xoves 4 de abril ás 16h no Mercado de Carballo. As series neste bloque son Lady Ada’’s Secret Society, Nómades, Cuarenta. Memorias en democracia, Hogtown/ Ainsi va Manu e Monster Dinner.
O venres será a quenda para o bloque Experiencias na vida, ás 19h. Neste bloque proxectaranse Les Chroniques de Gliwensbourg, BANANAS, En vida en extinción. Don Pancho, Poscoito e Restaurant in the town. Esta xornada rematará coa clásica Sesión Golfa, ás 23:30 cunha selección que leva por nome Risas que dan vida. O público coñecerá Pulp Airlines, a aeroliña máis excéntrica do aeroporto de Carballo e un repaso histórico no que hai máis improvisación que historia. As series deste bloque son Un mundo sin, Pulp Air, The struggle for existence, Historia Mal, Lowbudget e Content Farm.
Por último, o sábado ás 20:00 será a quenda do bloque Destinos na vida. Proxectaranse #Vanlife (Emotional), Alas, Rent-a-pal e #Annaismissing
O xurado formado polo cineasta Joël Bassaget, a curator de contido dixital Ainhoa Marzol e o fotógrafo Fran Rodríguez Casal decidirá os gañadores nas categorías de Mellor Serie, premio dotado de 800€, Mellor Dirección e dotado con 200€. Un xurado novo composto polo músico Daniel Valcárcel (coñecido como Aeronave Adolescente), o artista Mondra, a xornalista Iria Ramos e a poeta e debuxante Afra Torrado, darán outros 400€. Por último, o público asistente poderá votar e decidir o gañador do Premio do Público, de 400€. A entrega de premios será o domingo 7 ás 12:30 e estará presentada polo dúo cómico Izquierdo Sisters.

PUBLICIDADE