O ChatGPT será un dos temas a tratar na primeira NerdNite do ano

luns, 5 de febreiro do 2024 S. P.

A figura da pedagoga e humanista María de Maeztu, a aplicación de Intelixencia Artificial ChatGPT, así como o vínculo entre arqueoloxía, nómades e o comercio no Índico serán os contidos que integren a primeira NerdNite de 2024, ciclo de sesións divulgativas informais impulsado pola Universidade de Santiago. A sesión desenvolverase na Nave de Vidán (Santiago) o vindeiro 7 de febreiro, ás 20.30 horas.
María de Maeztu, nin parva nin tola é o título do relatorio que correrá a cargo de María Curros Ferro, docente de lingua galega do IES O Ribeiro de Ribadavia e doutora en Filosofía pola Universidade Complutense de Madrid.
Pola súa parte, Aldán Creo Mariño, especialista en Intelixencia Artificial en Accenture Labs Dublin abordará Como usar ChatGPT sen que te pillen.
Finalmente, o especialista en arqueoloxía islámica do INCIPIT-CSIC, José Cristóbal Carvajal López, pronunciará a charla Simbad O Mariño vai á aldea da súa avoa (sobre arqueoloxía, nómades e comercio no Índico).
As Nerd Nites, organizadas polo catedrático da USC Jorge Mira, son conversas divulgativas nas que especialistas de diferentes ámbitos dialogan co público das disciplinas que os apaixonan fóra do ámbito académico nun ton distendido e en horario nocturno.
As Nerd Nites naceron hai anos en Estados Unidos, unha proposta orixinal á que se sumou Santiago de Compostela en 2012, sendo a primeira cidade española en facelo.

PUBLICIDADE