O Clúster TIC Galicia xunta forzas coas restantes organizacións excelentes da nosa terra
xoves, 17 de setembro do 2015
O Clúster TIC Galicia
está a xuntar forzas coas restantes organizacións análogas da nosa
terra co obxectivo de xerar novas alianzas e mellorar ao prestixio e
a produtividade das empresas integrantes. Este
pacto cos restantes clústeres excelentes galegos (nove máis o
Clúster TIC) formalizouse e fíxose publico o pasado 8 de setembro,
baixo o epígrafe Unidos para ser máis competitivos.
Baixo o novo selo
acubíllanse as plataformas dos sectores da acuicultura, a
alimentación, o audiovisual, o motor, o ámbito gráfico, o granito,
a madeira, o naval, o téxtil e as novas Tecnoloxías da Información
e a Comunicación (TIC). Xuntos, “os clústeres poñen cara a máis
de catro anos de traballo para fraguar este proxecto común”,
informaron.
Este consenso xorde
grazas ao pulo do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) a
través do proxecto ATClusters Galicia. Como vogal da marca elixiuse
a Rosa Méndez, xerente do Clúster TIC Galicia, para a presentación
deste pacto entre sectores innovadores galegos, unha rede de
clústeres excelentes que representan, no seu conxunto, a case 9.000
empresas que suman unha facturación equivalente ao 75% do PIB de
Galicia e que xeran o 20% dos postos de traballo.
A unión,
sinalaron, permitirá xerar alianzas e mellorar a competitividade das
empresas socias. “Un potencial que nos facilitará o achegamento a
novos nichos de negocio e ao espallamento internacional, ao tempo que
se xerarán oportunidades para a creación de novos proxectos
empresariais”, explicaron os participantes e promotores da nova
marca.