O Concello de Ames amplía as funcionalidades do seu Portal de Transparencia

mércores, 7 de outubro do 2020 S. P.

O Concello de Ames vén de ampliar a información dispoñíbel no Portal da Transparencia do web municipal cun novo apartado onde se pode consultar a información tributaria, que recolle o calendario fiscal do exercicio 2020, información sobre aprazamentos e fraccionamento de impostos e taxas, e mailo sistema especial de pagamento fraccionado do IBI en 2 prazos.
Estas medidas enmárcanse dentro da iniciativas tributarias adoptadas polo Concello de Ames debido á crise sanitaria e económica derivada da COVID-19. A ampliación dada a coñecer este 7 de outubro únese ás mellores achegadas en maio a prol da organización da información dos apartados de Normativa municipal, Consulta pública e Información orzamentaria.
Segundo informa o Concello, un dos puntos destacados da nova web municipal é a aposta, agora fortalecida, por potenciar os contidos de transparencia para “cumprir cos índices da organización Transparencia Internacional”. Estes contidos están nun apartado específico indicado a tal efecto e tamén en Organización municipal, non só fornecendo os contidos, senón “tratando de estruturalos da maneira máis clara posíbel, facéndoos doadamente accesíbeis aos usuarios/as”.
Coa arela de ir mellorando o Portal de Transparencia, o persoal dos departamentos de Servizos Económicos, Comunicación e Transparencia, habilitaron un novo apartado que recolle a información tributaria máis importante do Concello de Ames.

PUBLICIDADE