O CyPhy LVL 1 quere converterse nun "dron para todos"
martes, 5 de maio do 2015
Nos últimos meses emerxeron con grande forza numerosos drons
no mercado que na súa meirande parte contaban coa posibilidade de incorporarlle
unha cámara cun estabilizador para permitir realizar atractivas gravacións
aéreas, pero dende CyPhy Works parecen
querer revolucionar este tipo de dispositivos, reinventando o seu desempeño e
sistema de control, de xeito que conseguiría ser “o primeiro dron para todos
absolutamente”.
O produto que chega para iniciar esta revolución é o dron CyPhy LVL 1, que
sorprende por integrar cámara e prescindir de estabilizador para a mesma, xa
que o seu sistema de voo consegue manter o trebello totalmente paralelo ao
chan, de xeito que opta por estabilizar o propio dron en vez de limitarse á súa
cámara, conseguindo tamén que sexan un trebello menos fráxil (xa que algúns
drons padecen moitas aterraxes nas que a cámara que leva pendurada é o primeiro
elemento en impactar co chan). Este modo de alta estabilidade é ideal para
sacar fotografías e gravar vídeo, pero pode desactivarse para o seu uso
acrobático, de xeito que estamos ante un dispositivo moi versátil.
O control do CyPhy LVL 1 realízase mediante unha aplicación para smartphone (iOS
e Android), moi doada de empregar, e facilitando a realización das tomas
fotográficas e de vídeo perfectas, reducindo a curva de aprendizaxe do dron (xa
que os usuarios xa están moi familiarizados co uso de aplicacións para o
móbil). Este impresionante dron tamén permite compartir os contidos capturados
en tempo real e, para tranquilidade do usuario, permite a definición de
barreiras virtuais, de xeito que podemos limitar a caixa dentro da que se desprazará, evitando así que saia fóra do
noso alcance.
O CyPhy LVL 1 promete unha autonomía de máis de 20 minutos de voo, a súa batería
pode cargarse rapidamente, é resistente á auga e ao po, a súa cámara tira
fotografías a 8 Mpíxeles, grava vídeo Full HD e pode inclinarse até 90 graos
(de xeito que tanto pode gravar o que ten enfronte como o que ten debaixo),
permite almacenar as imaxes en tarxetas e memoria e tamén conta con sistema de
seguimento ou de marcación de rutas.
Este atractivo dispositivo de só 800 gramos de peso busca
facerse realidade no mes de febreiro, cando comezará a remitirse aos mecenas
que o apoien a través de Kickstarter, onde pode adquirirse por só 495
dólares (445 euros), o que é un prezo moi reducido para un dispositivo tan
completo e innovador, que como grande garantía ten que entre os fundadores de
CyPhy Works está Helen Greiner, co fundadora de iRobot, empresa detrás do
popular robot-aspiradora Roomba.