O DJI Air 2S equípase cunha cámara de 1 polgada

venres, 16 de abril do 2021 Marcus Fernández

O dron DJI Mavic Air 2 é un dos máis equilibrados do seu fabricante, e vén de renovarse baixo o nome de DJI Air 2S, cambio que afecta non só ao seu nome, senón tamén especialmente á súa cámara, que agora conta cun sensor de 1 polgada e 20 Mpíxeles que pode gravar vídeo en 5,4K a 30 imaxes por segundo (e 4K a 60 imaxes por segundo), mantendo un peso por debaixo dos 600 gramos, polo que reforza a súa posición como un dos drons máis recomendables do mercado.
Este dron que definen como un todo en un pode manexarse a distancia recibindo vídeo en Full HD até a 12 quilómetros de distancia, detecta obstáculos en 4 direccións (para poder esquivar obstáculos), conta con numerosas posibilidades para a captación de fotografías (RAW, HDR, panorámicas) e vídeo (hyperlapse, MasterShots, FocusTrack), e incluso integra ADS-B, ou sexa, que recibe datos de localización de avións e helicópteros nas inmediacións para unha maior seguridade.
Este atractivo dron véndese a un prezo de 999 euros, existindo a posibilidade de mercalo nun lote Vuela Más (que inclúe baterías adicionais, un centro de carga, bandoleira para o seu transporte e incluso un xogo de 3 filtros de densidade neutra) por 1.299 euros, sendo esta última a opción máis recomendable para quen queira facer un uso intensivo do dispositivo.

Vídeo de presentación do DJI Air 2S

PUBLICIDADE