O DJI Mavic Air 2 dá un paso adiante en cámara e autonomía
martes, 28 de abril do 2020
DJI
continúa a renovar os seus drons de consumo, e aínda que o máis relevante fose
o DJI Mavic Mini por conseguir situar o seu peso por debaixo da barreira dos
250 gramos, para os afeccionados máis esixentes teñen maior atractivo outros
integrantes da familia Mavic pola súa calidade fotográfica e de vídeo, así como
polos modos de voo moito máis completos. Temos así que confíase en que o novo DJI Mavic Air 2 vaia ter unha magnífica
acollida, especialmente pola incorporación dun sensor de imaxe de media
polgadas capaz de disparar fotografías de 48 Mpíxeles e gravar vídeos 4K a 60
imaxes por segundo, contando tamén con hyperlapses 8K, quickshots e un
tempo de voo de 34 minutos. O mando a distancia conta cunha autonomía de até
240 minutos e soporta transmisión de vídeo OcuSync 2.0 en 1080p a 30 imaxes por
segundo a unha distancia de até 10 quilómetros, o que facilita un grande
control a distancia á vez que conta co sistema anticolisión APAS 3.0 que garante
unha maior seguridade.
O sensor CMOS de media polgada do Mavic Air 2 capta imaxes e vídeo con HDR,
conseguindo resultados impresionantes ao disparar panorámicas HDR cun maior rango
dinámico e cores vivas e precisas.
Á hora de gravar vídeo, este novo dron conta con FocusTrack para conseguir
imaxes nítidas, así como ActiveTrack 3.0, Spotlight e Punto de Interese 3.0, de
xeito que a cámara pode facer seguimento de obxectivos para poder conseguir
grandes gravacións sen precisar de grande pericia por parte do usuario. Coa
aplicación DJI Fly tamén é posible crear vídeos de xeito doado, para logo
compartilos nas nosas redes sociais.
O DJI Mavic
Air 2 sae á venda a un prezo de 849 euros, contando tamén cunha versión Vuela
Más que por 1.049 euros inclúe dúas baterías adicionais, 3 hélices máis, un
porto de carga de baterías, unha bandoleira e un xogo de filtros ND para axustar
a velocidade de obturación e poder operar en condicións de iluminación
extremas.
Vídeo promocional do DJI Mavic Air 2