O EyeTV Netstream DTT leva a TDT aos ordenadores a través da súa rede local
venres, 26 de febreiro do 2010
O popular fabricante de sintonizadores de
televisión para equipos de Apple, Elgato, vén de lanzar o seu novo EyeTV Netstream DTT (compatible
tanto para Mac como para Windows) que é un dobre sintonizador de TDT que
funciona coma streamer, de xeito que
podemos conectalo á toma de antena da nosa vivenda e á nosa rede informática
local, o que permite que calquera ordenador que teñamos conectado en rede poida
acceder aos contidos da televisión, incluso a través de Wi-Fi e soportando a TDT de alta definición a 720p
ou 1080i.
Este interesante trebello que permite distribuír o sinal televisivo entre
distintos ordenadores tería coma principal eiva o seu prezo, que resulta bastante
elevado (249,95 euros). Iso si, conta con dobre sintonizador, de xeito que
facilita a gravación dunha canle mentres está a verse outra.