O Fitbit Ultra monitoriza a nosa actividade física e o noso sono

venres, 18 de maio do 2012 Marcus Fernández

O Fitbit Ultra está dispoñible en 2 cores

Para monitorizar a nosa actividade física diaria xa podemos adquirir en España o pequeno dispositivo Fitbit Ultra, que rexistra en tempo real os pasos que damos, a distancia que percorremos, as calorías que queimamos, as escaleiras que subimos... información que pode servir para marcarse certos obxectivos e levar así a súa conta para manter unha vida saudable e que está á venda na web do fabricante a un prezo recomendado de 99,95 euros (aos que hai que sumar 2,99 euros de gastos de envío) ou 99 euros nas tendas K-tuin. Os datos que recolle o trebello transmítense por Blueooth para sincronizalos co PC ou o Mac, para despois poder ver gráficas e controlar o estado físico vía web (sendo tamén compatible con numerosas aplicacións móbiles de saúde e forma física como RunKeeper, Endomondo ou Lose It!).

Os datos rexistrados polo Fitbit Ultra poden verse vía web

Unha prestación curiosa do FitBit Ultra é que inclúe unha pulseira para poder monitorizar o sono, para saber se descansamos axeitadamente, de xeito que poderemos seguir a nosa pauta de sono (hora de deitarse, tempo en tardar en durmirse, veces nas que se interrompeu o sono, horas de sono reais...). Tamén é posible empregalo como reloxo e como cronómetro.
Para estas prestacións o Fitbit Ultra integra un acelerómetro de 3 eixes e altímetro. Está dispoñible en 2 cores (azul e morado), ten una pantalla OLED, contrólase cun único botón, a súa memoria pode gardar a actividade dos últimos 30 días, a súa batería dura entre 5 e 7 días, mide 19,5 x 55 x 14 milímetros e pesa 11,34 gramos.


Vídeo sobre o Fitbit Ultra elaborado pola xente de K-tuin

O trebello ten un tamaño bastante reducido
Unha pulseira permite levalo mentres durmimos para rexistrar a nosa pauta de sono

PUBLICIDADE