O GPUL acompaña na instalación de GNU/Linux

mércores, 17 de setembro do 2025 Marcus Fernández

Como unha iniciativa para animar a entusiastas da informática a introducirse no mundo de Linux, o Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL) organiza o vindeiro día 23 de 12:00 a 19:00 na aula 3.5 da Facultade de Informática da Coruña unha Linux Install Party.
Esta actividade consiste nun asesoramento a usuarios sen experiencia para a instalación de GNU/Linux no seu equipo informático e, no caso de non ter decidido aínda a instalación do sistema operativo libre, ofrecerán unha introdución ao seu funcionamento, para animar á súa instalación.
Recoméndase aos que estean interesados en instalar GNU/Linux no seu equipo, que antes realicen unha copia de seguridade dos datos importantes, xa que para a instalación do sistema é preciso modificar as particións do almacenamento interno do equipo, o que supón certo risco.