O Galaxy A9 terá pantalla de 6 polgadas e batería de 4.000 mAh

xoves, 24 de decembro do 2015 Marcus Fernández

Durante a celebración a celebración da Galaxy A Party 2016 en China a compañía surcoreana Samsung anunciou o seu novo Galaxy A9, un novo smartphone con pantalla Super AMOLED Full HD de 6 polgadas, que vai saír á venda en xaneiro en China, descoñecéndose polo momento cando chegará ao noso mercado e o seu prezo.
Este novo teléfono funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 652, 3 GB de RAM, 32 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD), cámaras de 13 e 8 Mpíxeles e NFC (para soportar Samsung Pay), do que hai que salientar que o seu grosor é de só 7,4 milímetros, o que non impide que albergue no seu interior unha batería de 4.000 mAh, que é o máis destacable deste terminal de Samsung (que ao limitar a súa resolución de pantalla a 1.080p, podería dar unha magnífica autonomía).
O Samsung Galaxy A9 chega cun deseño de metal e cristal, propios da liña Galaxy A, incluíndo tamén un lector de pegadas dixitais no seu botón de inicio físico. Deste xeito complétase a familia Galaxy A cun interesante tabletófono.

O Galaxy A9 ten elegantes acabados de cristal e metal.

PUBLICIDADE