O HP Chromebook 13 poderá equiparse cun procesador Intel Core m

venres, 29 de abril do 2016 Marcus Fernández

Estamos afeitos a ver como os portátiles Chromebook tenden a ser discretos equipos con acabados plásticos destinados principalmente ao contorno educativo, pero HP pensou que había oco para lanzar un produto deste tipo con mellor acabado e prestacións, e presentou o novo HP Chromebook 13, o primeiro portátil desta gama en integrar un procesador Intel Core m, aínda que para moitos resulte máis rechamante o feito de que a súa carcasa sexa metálica. Este ordenador pode configurarse con até 16 GB de RAM (algo tamén bastante abraiante para un ordenador con Chrome OS) e a súa pantalla de 13,3 polgadas tamén pode configurase até un modelo con resolución de 3.200 x 1.800 píxeles, de xeito que a configuración máxima deste ordenador é todo un portento que poderiamos describir como un portátil coa aparencia de ser fabricado por Apple que funciona cun sistema operativo de Google.
O HP Chromebook 13 inclúe 2 portos USB-C, un porto USB 3.0, toma de auriculares, lector de tarxetas microSD, batería cunha autonomía que podería chegar até as 11,5 horas, 1,3 quilogramos de peso e un prezo que partirá dos 499 dólares no modelo máis básico (mentres que o modelo con Core m parte dos 599 dólares), chegando ao mercado o mes que vén, cando saberemos máis deste atractivo equipo.

JPEG - 58 KB
O acabado metálico do HP Chromebook 13 achega un aire Premium que sorprende nun equipo con Chrome OS

PUBLICIDADE