O HP Spectre x2 preséntase como unha alternativa ao Surface Pro 4
mércores, 7 de outubro do 2015
Collendo
o relevo da presentación
de Microsoft de onte, HP lanzouse a presentar
novos ordenadores premium con Windows
10, con coidados deseños e avanzadas prestacións, como un sorprendente
ordenador todo-en-un da liña HP Envy cunha pantalla curva de 34 polgadas,
outros todo-en-un máis modestos con pantallas de 23,8 e 27 polgadas que chegan
até resolucións 4K, portátiles
da liña HP Stream con pantallas de 11,6 e 13,3 polgadas con prezos moi axustados
(dende 269 e 299 euros respectivamente) e incluso un novo
HP Pavilion Gaming, portátil con pantalla de 15,6 polgadas, gráfica nVIDIA
GeForce GTX 950M e procesadores Intel Core i5/i7 de sexta xeración que poden
equiparse con até 16 GB de RAM e que sairán á venda este mesmo mes por a
partires de 999 euros (prezo difícil de crer hai uns meses).
Pero o equipo que queremos destacar é o HP
Spectre x2, por ser precisamente a resposta de HP aos Surface Pro de Microsoft,
que poden converterse en produtos de grande éxito ao contar cunhas prestacións
un pouco inferiores para conseguir así un prezo moito máis axustado.
O novo HP Spectre x2 ofrece unha grande experiencia como tableta (cun preso de
840 gramos e un grosor na súa pantalla de 8 milímetros), incorpora os novos
procesadores Intel Core M2 de sexta xeración, non incorpora ventilador para a
súa refrixeración (polo que o seu funcionamento é silencioso), inclúe unha
unidade SSD de até 256 GB, a súa batería permite unha autonomía de até 10 horas
de uso, a para operar como un ordenador conta cun teclado de viaxe de 1,5
milímetros de grosor que integra un touchpad de grande tamaño (120 x 55
milímetros).
Na liña da tableta de Microsoft, o HP Spectre x2 ten unha pantalla de 12
polgadas, que neste caso limita a súa resolución a 1.920 x 1.280 píxeles, e
para colocala no escritorio conta cunha peaña regulable en 150 graos que pode
bloquearse a través dun botón lateral. A pantalla tamén pode empregarse para
debuxar facendo uso dun Active Pen de Wacom (á venda por separado).
O equipo inclúe 2 conectores USB-C 3.0 que serven tanto para cargar e
transferir datos como para conectar unha pantalla (na liña de como fai o último
MacBook de Apple, pero sen limitarse a un único porto); integra 4 altofalantes
estéreo, cámara frontal de 5 Mpíxeles, cámara traseira de 8 Mpíxeles e incluso
unha cámara Intel RealSense 3D que pode empregarse para recoñecer caras ou
dixitalizar obxectos tridimensionais.
Tamén conta con conectividade 4G co servizo HP DataPass que permite aos
usuarios gozar de banda larga móbil sen necesidade de contrato (inclúe 250
MB/mes sen custo adicional, podendo mercarse paquetes de datos adicionais a
prezos asumibles).
Espérase que este equipo chegue ao mercado español en novembro a un prezo de
1.399 euros (aínda que entendemos que o fabricante con ese prezo refírese á súa configuración máis potente, xa que o prezo de partida nos EE.UU. é de 799,99 dólares).