O HTC One (M8) poderia estrear versión con Windows Phone este mesmo mes

luns, 11 de agosto do 2014 Marcus Fernández

HTC e Microsoft teñen programado un evento para a prensa en New York para o vindeiro 19 de agosto, rumoreándose que servirá para presentar un smartphone de alta gama con Windows Phone 8.1, que nun principio comentaban que podería responder ao nome de HTC One (W8) pero que agora están a chamar HTC One (M8) para Windows, e que como ben indica o seu nome, sería unha versión do móbil insignia de HTC adaptada ao sistema operativo de Microsoft.
Dende Windows Phone Central están a dar conta das especificacións deste smartphone con Windows Phone 8.1, que contaría cunha pantalla Super LCD3 Full HD de 5 polgadas, procesador Qualcomm Snapdragon 801 de catro núcleos a 2,3 GHz, 2 Gb de RAM, 32 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 128 Gb), cámara traseira Ultrapíxel, cámara frontal de 5 Mpíxeles, HTC Boomsound, batería de 2.600 mAh, funda HTC Dot View, un grosor de 9,35 milímetros e un peso de 160 gramos, combinación de prestacións que o converterían nun dos smartphones co sistema operativo de Microsoft máis atractivos do mercado, e un dos poucos que podería ter a cabeza ben alta sen ter a marca Nokia na súa carcasa.

PUBLICIDADE