O HTC One M9+ está a piques de chegar a Europa

xoves, 16 de xullo do 2015 Marcus Fernández

O pasado mes de abril HTC presentou o terminal HTC One M9+ para o mercado chinés, que supón unha máis que necesaria revisión do HTC One M9, smartphone de alta gama moi criticado, xa que non parecía estar á altura do seu elevado prezo, e agora toca ver se este novo modelo consegue ter unha boa acollida, xa que está a prepararse o seu desembarco europeo (e tamén norteamericano).
O novo terminal non só sorprendía cambiando o seu procesador Qualcomm Snapdragon 810 por un MediaTek Helio de 64 bits e 8 núcleos, senón que este potente terminal con 3 GB de RAM tamén presumía dunha pantalla Super LCD3 de 5,2 polgadas cunha resolución de 2.560 x 1.440 píxeles en vez da orixinal pantalla Full HD de 5 polgadas. O terminal tamén deixaba a tecnoloxía UltraPixel para a súa cámara frontal, de xeito que a cámara traseira optaba por unha resolución de 20 Mpíxeles (capaz de gravar vídeo en 4K) que está apoiada por outra cámara (que rexistra a profundidade dos elementos), integra un sensor de pegadas dixitais, ten 32 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD), unha batería de 2.840 mAh, un grosor de 9,61 milímetros e un peso de 168 gramos. Un smartphone bastante potente e atractivo, que terá que esforzarse para conseguir destacar no mercado nun momento no que HTC está a recibir tan pouca atención.

O novo smartphone de HTC mellora sensiblemente a súa pantalla, ofrecendo unha resolución Quad HD (fronte ao Full HD do anterior modelo)

PUBLICIDADE