O HomePod de Apple poderá reservarse a partires do venres nalgúns países

martes, 23 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

O pasado mes de novembro confirmouse que o agardado altofalante de Apple, o HomePod, non vería a luz en 2017 pese ás intencións iniciais da compañía de Cupertino de chegar a tempo para a campaña de Nadal, e agora poñen data de lanzamento a este novo produto: o 9 de febreiro. O produto poderá mercarse anticipadamente a partires do vindeiro venres dende EE.UU., Reino Unido e Australia, estando previsto o seu lanzamento en Francia e Alemaña para primavera, quedando como incógnita cando poderá mercarse en España.
O HomePod é un altofalante conectado que permite o seu control por voz valéndose da tecnoloxía de Siri, e que, en contrate cos altofalantes conectados de Amazon, céntrase na calidade sonora, ou sexa, que en vez de competir cos Amazon Echo estaría máis orientado a compararse cos produtos de Sonos. A idea de Apple é que os usuarios que merquen o HomePod teñan unha subscrición activa a Apple Music, de xeito que poidan escoitar o seu inmenso catálogo musical no fogar dun xeito cómodo e con boa calidade.
A integración de Siri no HomePod tamén permitirá enviar mensaxes, programar recordatorios, reproducir podcasts, comprobar as novas, o estado do tráfico, os resultados deportivos ou a predición meteorolóxica e incluso controlar accesorios domóticos compatibles con HomeKit.
O altofalante ten unha altura de 172 milímetros, un diámetro de 142 milímetros, un peso de 2,5 quilos e venderase en cor branca e gris espacial, sendo o seu prezo de vendas nos EE.UU. de 349 dólares (284 euros).

PUBLICIDADE