O Honor 5c chega a España a un prezo de 199,99 euros

luns, 20 de xuño do 2016 Marcus Fernández

O pasado mes de abril presentouse o novo smartphone de Huawei, o Honor 5c, un terminal cunhas prestacións moi completas que resulta ideal para os que queren afastarse da tendencia actual de pantallas de 5,5 polgadas, xa que neste caso conta cunha pantalla IPS de Full HD de 5,2 polgas e, en contraste con outros modelos pequenos, desta volta non se limita a unha resolución de 1.280 x 720 píxeles, senón que chega con 1.920 x 1.080 píxeles, o que fai que as imaxes teñan unha definición magnífica (424 puntos por polgada) para un dispositivo desta gama.
O Honor 5c funciona cun procesador Kirin 650 de 8 núcleos, 2 GB de RAM e 16 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas imcroSD de até 128 GB), ten cámaras de 13 e 8 Mpíxeles con apertura f/2.0, lector de pegadas dixitais, Wi-Fi N, Bluetooth 4.1, 4G (con velocidades de até 300 Mbps e soporte da banda 800 MHz tan reclamada polos usuarios europeos), dobre SIM, receptor de radio FM, batería de 3.000 mAh, sistema operativo baseado en Android 6.0 (EMUI 4.1), 8,3 milímetros de grosor, 156 gramos de peso e carcasa metálica (en gris, dourado ou prata). Aínda que estes detalles xa se coñecían, este smartphone están dende hoxe oficialmente dispoñible en Europa a un prezo de 199,99 euros (gastos de envío incluídos) o que posiblemente o converta nun dos móbiles máis reclamados polos usuarios que buscan un terminal con certa ergonomía sen sacrificar definición de pantalla.

O Honor 5c estará dispoñible en varias cores

Vídeo promocional do Honor 5c

PUBLICIDADE