O Honor 6x chega ao mercado con dobre cámara traseira a un prezo de 249 euros

mércores, 4 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

Huawei levou ao CES de Las Vegas o seu novo smartphone Honor 6X, que sorprende porque xa pode adquirirse de xeito oficial dende España a un prezo de 249 euros (en cor gris, prata ou dourado), o que é unha boa oportunidade para os que buscan un bo smartphone de fabricación chinesa e garantía europea, que desta volta destaca por incluír unha dobre cámara traseira que emprega o obxectivo secundario para conseguir un efecto de profundidade de campo na liña do que fai o iPhone 7 Plus, pero por un prezo moi inferior (o teléfono de Apple véndese por 909 euros).
O Honor 6X é un smartphone cunhas prestacións bastante comúns nos smartphones actuais de gama media, funcionando cun procesador Kirin 655 de oito núcleos, 3 GB de RAM, 32 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 128 GB), pantalla Full HD de 5,5 polgadas, lector de pegadas dixitais rápido (permite desbloquear o móbil en só 0,3 segundos), cámara traseira de 12 Mpíxeles (apoiada por unha cámara de 2 Mpíxeles que capta a profundidade de campo) cun rango de apertura f/0,05-16 e un tamaño do píxel de só 1,25 micrómetros, cámara frontal de 8 Mpíxeles con filtros para mellorar os selfies, Wi-Fi N, Bluetooth 4.1, batería de 3.340 mAh con carga rápida, un corpo de metal mate de 8,2 milímetros de grosor, 162 gramos de peso e unha pantalla cuberta por un vidro curvado texturado de 2,5D. Funciona con EMUI 4.1 (sistema operativo baseado en Android 6.0).

JPEG - 82.9 KB
O Honor 6X ten un corpo metálico cun grosor de 8,2 milímetros

PUBLICIDADE