O Huawei P30 Pro sube o listón en cámaras traseiras de móbiles
martes, 26 de marzo do 2019
Por
fin son oficiais os novos smartphones de Huawei chamados a ser un referente no
que a cámaras traseiras se refire ao longo do presente ano, o P30 e o P30 Pro,
que incrementan a altura da súa pantalla (principalmente por adoptar un lector
de pegadas dixitais en pantalla) e melloran as posibilidades do seu
teleobxectivo. Temos así que o Huawei P30 Pro está nunha posición líder en
DxOMark cunha
puntuación de 112 na súa cámara traseira, aínda que a unha distancia moi
próxima á do modelo do ano pasado e do Samsung Galaxy S10+ (109 puntos). No que
respecta á cámara frontal o móbil ten que
conformarse cunha puntuación de 89, ou sexa, que queda por detrás do Galaxy
S10+ (96) e do Galaxy Note9 e do Google Pixel 3 (92).
Comezando polo meirande terminal, o Huawei P30 Pro é un
ambicioso móbil cun procesador Kirin 980, 8 GB de RAM e 128/256/512 GB de
almacenamento interno, que integra un sistema de cámara cuádrupla que combina
un grande sensor de 40 Mpíxeles con apertura f/1.8, un ultra grande angular de
20 Mpíxeles, un obxectivo superzoom (capaz de chegar até unha distancia focal
de 270 milímetros, o que tamén describen como un zoom híbrido de 10x) e unha
cámara TOF (para detectar a profundidade e aplicar efectos de desenfoque de
fondo). Na cámara frontal confórmase cunha cámara de 32 Mpíxeles con apertura
f/2.0 que está agochada na súa pantalla OLED de 6,47 polgadas nunha pestana
superior central con forma de U.
Este teléfono tamén conta con protección IP68 ante a auga e o po, e para que
tampouco haxa que andar constantemente pendente de cargalo, integra unha
xenerosa batería de 4.200 mAh que pode cargarse até o 70% en só 30 minutos
empregando o seu cargador rápido de 40 watts. Tamén é compatible con carga
rápida sen fíos a 15 watts, contando incluso con carga reversible (ou sexa, que
pode cargar outros dispositivos mediante indución).
O modelo con 8 GB de RAM e 128 GB de almacenamento está á venda por 949 euros,
mentres que as versións con 256 e 512 GB custan 1.049 e 1.249 euros
respectivamente.
O Huawei P30 é un smartphone
máis modesto, que reduce a súa pantalla OLED a 6,1 polgadas, a súa RAM a 6 GB e
a súa capacidade de almacenamento interno a 128 GB (sen contar con opcións
superiores), mudando tamén na cámara traseira, que desta volta limita o seu
teleobxectivo a 3 aumentos e prescinde da cámara TOF. A resistencia ao po e á
auga queda nun IP53, a batería confórmase con 3.650 mAh e tamén perdería a
carga sen fíos. Estes sacrificios permiten que o P30 teña un prezo oficial de
749 euros.
Cómpre salientar que os prezos que mencionamos son os recomendados, e agora
mesmo grandes cadeas comerciais está a ofertas estes dispositivos por até 150
euros menos, agasallando tamén un reloxo conectado Huawei Watch GT Active,
polo que o prezo destes smartphones semella destinado a caer rapidamente.
No que a conectividade se refire, aínda que o Huawei P30 Pro conta con
Bluetooth 5.0, USB-C 3.1 e unha boa conectividade 4G, no que ao Wi-Fi se refire
confórmase con Wi-Fi AC ou Wi-Fi 5, ou sexa, que non ousa dar o salto de
xeración como si fixo Samsung cos seus Galaxy S10.”