O Internet Archive recupera numerosos videoxogos clásicos vía web

luns, 28 de outubro do 2013 Marcus Fernández

O Pitfall de Atari 2600 é un dos xogos preservados polo Internet Archive

O proxecto de biblioteca dixital, o Internet Archive, non se limita a preservar vellos programas de radio e televisión e textos clásicos (entre os que resultaban especialmente rechamantes certos libros infantís), senón que tamén quere facilitar que as aplicacións informáticas consideradas como retro poidan estar á disposición do público incluso sen ter que recorrer a complexos emuladores, polo que están a estrear na súa páxina web unha versión en Javascript do emulador MESS, o que facilita que poida empregarse software de vellas consolas (Atari 2600, Colecovision, Vectrex, Intellivision...) e ordenadores (Apple II, Atari 800, Commodore 64...) directamente en navegadores web modernos.

Deste xeito estrean o Historical Software Archive, unha colección de notables pezas de software que poden gozarse directamente no navegador web, facilitando a súa preservación e permitindo que os cidadáns podamos gozar destas aplicacións e xogos de plataformas obsoletas cun simple clic.
Conservar todo este material é un reto que cómpre superar rapidamente, pois cada vez será máis difícil poder acceder a vellos soportes como cartuchos, casetes ou disqueteiras, de xeito que trasladar as xoias do software á Internet é un esforzo que permitirá nun futuro por en valor o legado dos primeiros anos da informática doméstica, facilitando non só un achegamento nostálxico á esta época, senón que tamén permitirá estudar academicamente numerosas pezas interactivas, o que agradecerán xeracións futuras.

O repositorio non só conserva bos títulos, senón tamén outros que fixeron historia polo seu rotundo fracaso

PUBLICIDADE