O Kindle Paperwhite incrementa o seu tamaño de pantalla

martes, 21 de setembro do 2021 Marcus Fernández

Amazon anunciou hoxe a renovación dos seu lectores de libros electrónicos estrela, os Kindle Paperwhite, que experimentarán un importante incremento no tamaño de 6 a 6,8 polgadas con bordes reducidos, melloran a súa iluminación aportando agora unha luz cálida axustable a través de 17 LED, mellora a velocidade dos pasos de páxina até un 20% e a súa batería con autonomía para até 10 semanas pode cargarse agora mediante USB-C.
Este novo Kindle Paperwhite mantén a súa resolución de pantalla de 300 puntos por polgada, a súa conectividade Wi-Fi (compatible con redes de 2,4 GHz e 5 GHz), e a resistencia á auga (IPX8), e sairá á venda o 27 de outubro con 8 GB de capacidade por 149,99 euros, sendo posible aforrar 10 euros no produto sen optamos pola súa versión con publicidade (que presenta anuncios en pantalla cando non está en uso).
Curiosamente tamén teremos un modelo avanzado, o Kindle Paperwhite Signature Edition, que aparte de chegar cunha capacidade de almacenamento de 32 GB conta tamén coa posibilidade de cargarse sen fíos (cunha base de carga que se vende por separado) e con luz frontal autorregulable.
Este lector de libros electrónicos sairá á venda o 10 de novembro e o seu prezo será de 189,99 euros (no momento de escribir estas liñas non existe versión con publicidade deste dispositivo).
Estamos probablemente ante a versión máis importante deste trebello, principalmente polo incremento no tamaño de pantalla sen elevar o prezo até os 249,99 euros do Kindle Oasis máis económico (que ten unha pantalla de 7 polgadas).

Os lectores de libros electrónicos teñen pantalla sen reflexos e grande autonomía, de aí que continúen a existir nun mercado invadido polas tabletas
A luz frontal do Kindle Paperwhite facilita a lectura na escuridade minimizando a fatiga visual (xa que a luz non se proxecta cara ao usuario)

PUBLICIDADE