O LG G3 S chega a España cun prezo recomendado de 299 euros

mércores, 8 de outubro do 2014 Marcus Fernández

Aproveitando a boa sona que teñen os seus terminais LG G2 e LG G3, a compañía surcoreana LG anunciou que vén de iniciar a comercialización en España a un prezo de venda recomendado de 299 euros o novo LG G3 S, que toma o seu deseño do seu irmán maior, o LG G3, así como a tecnoloxía de láser da súa cámara para axilizar a función de enfoque automático.
Este interesante smartphone 4G ten unha pantalla IPS de 5 polgadas cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles, un procesador Qualcomm Snapdragon 400 de catro núcleos a 1,2 GHz, 1 Gb de RAM, 8 Gb de almacenamento interno, cámaras de 8 e 1,3 Mpíxeles, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, batería de 2.540 mAh, un grosor de 10,3 milímetros, Android 4.4.2 e o característico botón traseiro que tan boa acollida tivo nos smartphones de alta gama de LG (pois permiten reducir o tamaño total do dispositivo á vez que facilitan o seu control).
Temos así un terminal de gama media cunha aparencia de gama alta, que está dispoñible en 3 cores (branco, negro e ouro) e que é de agardar que consiga a magnífica autonomía da que presumen os smartphones da súa familia.

JPEG - 55.2 KB
O LG G3 S ten unha aparencia semellante á do LG G3, pero cun tamaño máis reducido e unhas prestacións considerablemente máis reducidas que permiten reducir o seu prezo á metade

PUBLICIDADE