O LG G5 chega con amigos e un deseño modular

luns, 22 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

Cando en 2013 LG presentou o seu LG G2, incorporando os seus botóns na parte traseira, resultaba difícil de prever que ese deseño ía manterse inmutable nos móbiles da compañía durante varios anos, e por fin chegou a renovación, mantendo a mesma filosofía de deseño, pero enriquecéndoa con innovacións, de xeito que o LG G2 pode presumir de ser o smartphone insignia máis rechamante do Mobile World Congress, xa que estamos ante un teléfono con carcasa uni-body de metal que a través da súa parte inferior permite non só a extracción da súa batería interna (o que resulta moi práctico para as viaxes, de xeito que en poucos segundos pódese gozar dunha batería cunha carga completa), senón tamén a substitución da parte inferior do terminal por distintos accesorios, converténdose nun smartphone modular.
O elemento modular do LG G5 é unhas prestación moi interesante, xa que permite transformar o terminal para usos especializados. Concretamente hai inicialmente o módulo LG CAM Plus (que engade 1.200 mAh de batería ao smartphone, xunto cunha protuberancia de agarre e botóns físicos para facilitar o uso do smartphone a xeito de cámara dixital compacta) e o módulo LG Hi-Fi Plus with B&O PLAY (que engade un DAC de 32 bits de alta fidelidade para poder converter o móbil nun reprodutor multimedia de grande calidade, para os melómanos máis esixentes).
Pero esta grande novidade, que pese a ser rechamante non nace da demanda da meirande parte dos consumidores, non é o único que trae de novo o G5, senón que tamén pode presumir de avanzar no punto forte do seu predecesor: a súa cámara. O LG G5 integra dúas cámaras traseiras (unha de 137 graos e outra de 78 graos) o que facilita o disparo de panorámicas e fotografías de grupo dun xeito que non se viu antes nun smartphone.
LG tamén insiste no feito de que a pantalla Quad HD IPS de 5,3 polgadas do terminal ten a funcionalidade Alway-on, de xeito que a pantalla pode estar acendida amosando a hora e a data (e notificacións) mentres o teléfono non está en uso. Esta tecnoloxía o que fai é só iluminar unha parte reducida da pantalla para presentar información na mesma, co que conseguen un consumo reducido e, de feito, aseguran que esta tecnoloxía incrementa a autonomía para a meirande parte dos usuarios, xa que evita o acendido da pantalla enteira cada vez que queremos consultar a hora ou se recibimos unha notificación.
O LG G5 funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 820, 4 GB de RAM, 32 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de memoria de até 2 TB), cámara traseira estándar de 16 Mpíxeles, cámara frontal de 8 Mpíxeles, LTE (que permite velocidades de descarga de até 600 Mbps e de subida de até 150 Mbps), Wi-Fi AC, Bluetooth 4.2, NFC, batería de 2.800 mAh e Android 6.0. O seu grosor é de 7,7 milímetros, o seu peso de 159 gramos e venderase con carcasas en cor prata, ouro, titán e rosa.

Accesorios amigos

Adicionalmente LG tamén presentou todo un abano de accesorios que non serían exclusivos para este terminal, pero que constrúen un interesante catálogo de produtos amigos, como son as lentes de realidade virtual LG 360 VR (que converten o G5 nun casto de realidade virtual, e que presumen de só pesar 118 gramos), a LG 360 CAM (que facilita a gravación de vídeo envolvente a través de dúas cámaras de 13 Mpíxeles 200 graos coas que xeran vídeo de 360 graos en 2K e con son 5.1 que logo pode compartirse a través de Google Street View e YouTube), o LG Rolling Bot (unha especie de bola Sphero que pode servir para vixiar o interior do fogar e facilitar a monitorización remota grazas á súa cámara de 8 Mpíxeles), o LG Tone Platinum (unha nova versión do sistema de auriculares vestible de LG), o H3 by B&O PLAY (uns auriculares de alta calidade pensados para complementar o módulo Hi-Fi do G5) e o LG Smart Controller (un mando deseñado para controlar certos drons).

Vídeo de presentación do LG G5

PUBLICIDADE