O LG Optimus GK ve a luz cunha pantalla Full HD de 5 polgadas

luns, 29 de abril do 2013 Marcus Fernández

O LG Optimus G Pro chegou en febreiro ao mercado surcoreano cunha pantalla Full HD de 5,5 polgadas, para desembarcar poucas semanas despois no Xapón cunha pantalla de 5 polgadas, e finalmente parece que este último formato tamén chegará a Corea, pero co nome de LG Optimus GK, deixando claro que existe demanda de smartphones de alta gama que conteñan o seu tamaño de pantalla, posto que os últimos terminais estaban a adoptar uns tamaños axeitados para un público moi limitado. É así de agardar que ambos modelos cheguen aos mercados internacionais nos vindeiros meses, aínda que é de supor que en España teremos que ter paciencia, posto que vimos de recibir o LG Optimus G.
O LG Optimus GK conta cun procesador Qualcomm Snapdragon 600 de catro núcleos a 1,7 GHz, 2 Gb de RAM, 16 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de ata 64 Gb), a mencionada pantalla IPS Full HD de 5 polgadas, conectividade LTE, Bluetooth 4.0, Wi-Fi N (con Wi-Fi Direct), NFC, SlimPort (con saídas HDMI e para monitor), cámaras de 13 e 2 Mpíxeles, batería de 3.100 mAh, un grosor de 9,9 milímetros e un peso de 156 gramos. Funciona con Android 4.1.2 e sairá á venda en Corea do Sur o mes que vén a través do operador local KT.

O LG Optimus GK porase á venda en Corea do Sur no mes de maio

PUBLICIDADE