O LG Viewty inclúe unha cámara de 5 Mpíxeles con enfoque manual

xoves, 25 de outubro do 2007 Marcus Fernández

LG Viewty é o nome comercial do LG-KU990, que finalmente chega ó mercado europeo e que é o primeiro terminal de telefonía móbil high-tech de LG, que destaca por contar cunha cámara de 5 Mpíxeles que non só ten unha boa resolución, senón que é o primeiro teléfono do mercado en incluír na súa cámara a opción de enfoque manual, o que agradecerán os usuarios máis esixentes á hora de tomar instantáneas. Tamén incorpora tecnoloxía ISO800 & Smartlight e estabilizador de imaxes.
Conta cunha pantalla LCD táctil de 3 polgadas que nos permite editar as imaxes tomadas co móbil así como ver os vídeos gravados coa mesma (que sorprendentemente é en formato DivX). A pantalla tamén inclúe un sinal que confirma das pulsacións correctas sobre a mesma.
O LG Viewty inclúe un mando de roda na súa parte posterior para poder moverse polos seus menús, ou para controlar os vídeos durante a súa reprodución; e no tocante á conectividade, este impresionante móbil soporta comnicacións HSDPA de ata 3,6 Mbps, EDGE, WAP 2.0, Bluetooth 1.2 e USB 2.0.
Ten saída de televisión, unha autonomía de entre 434 e 454 horas en espera e entre 138 e 355 minutos en conversa (varían segundo se use en chamadas GSM ou en videochamadas). As súas medidas son de 103,5 x 54,4 x 14,8 cm. e pesa 112 gramos.

PUBLICIDADE