O LaCie Fuel achega 1 Tb de almacenamento sen fíos a dispositivos móbiles

martes, 1 de abril do 2014 Marcus Fernández

Ante as limitacións de capacidade de dispositivos móbiles LaCie presenta o seu disco duro portátil sen fíos Fuel, que sen a necesidade de conectarse á Rede pode ampliar a capacidade dun iPhone, iPad ou Mac en 1 Tb (está previsto o lanzamento dun modelo de 2 Tb en breve) que incluso é compatible con AirPlay, para facilitar que os usuarios poidan reproducir películas de xeito doado en pantalla grande a través de Apple TV.
O LaCie Fuel permite aos usuarios acceder a inmensas bibliotecas multimedia directamente dende o iPad, para non ter que andar elixindo o que almacenamos no seu interior cando estamos en mobilidade e, ao xerar a súa propia rede Wi-Fi, tamén permite que outros dispositivos se conecten para acceder aos seus contidos e, no caso de que o LaCie Fuel estea conectado á Internet por Wi-Fi, compartir tamén tal conexión. Dado que pode empregarse en mobilidade, integra unha batería cunha autonomía de ata 10 horas.
Ao empregalo cun ordenador a nova unidade aparece como un disco duro máis, sendo posible sincronizalo con Dropbox (de xeito que se engadimos uns documentos a Dropbox dende un ordenador, os cambios espallaranse ao LaCie Fuel) e, para transferencias masivas, en vez de Wi-Fi tamén podemos conectar o disco duro a un ordenador por USB 3.0.
Para acceder a este disco duro sen fíos dende dispositivos móbiles é preciso empregar a aplicación de balde Seagate Media, dispoñible para iOS e Android.
O modelo de 1 Tb do LaCie Fuel pode xa adquirirse por 199,90 euros, e o modelo con 2 Tb espérase que chegue en breve ao mercado a un prezo de 229,90 euros.


Vídeo de presentación do LaCie Fuel