O Lenovo Cast facilitará o uso do televisor como un monitor externo sen fíos
xoves, 28 de maio do 2015
Moitas
son as solucións que facilitan a reprodución de contidos multimedia no
televisor do salón ou noutras pantallas dende equipos informáticos e
dispositivos móbiles, e para atender esta demanda chegará en agosto a un prezo
de 49 dólares o Lenovo
Cast, un trebello redondo de 7 centímetros de diámetro e 1,5 centímetros de
alto que pode conectarse a unha pantalla por HDMI para achegarlle un sinal de
vídeo até 1.080p e que comunícase sen fíos a través de Wi-Fi N a través das
bandas dos 2,4 e os 5 GHz.
Aínda que poida parecer que estamos ante un competidor do Chromecast de Google,
estamos ante un produto diferente, xa que non recibe o sinal só da Internet,
senón que sería compatible con contidos multimedia DLNA e con dispositivos
Miracast, ou sexa, que podería empregarse para presentar en pantalla grande os
contidos de smartphones compatibles (con Android 4.3 ou superior ou con Windows
Phone) ou incluso de numerosos ordenadores e tabletas con Windows 8.1. Temos
así un trebello máis versátil que o Chromecast, que sería máis semellante ao receptor Miracast
de Microsoft, pero cun prezo máis económico e máis posibilidades (por
exemplo, con DLNA facilítase a presentación de contidos multimedia dende un
dispositivo con iOS ou dun disco duro en rede).
- O Lenovo Cast conta con saída HDMI 1.3 para poder levar o sinal audiovisual a un monitor ou televisor