O Lenovo Smart Clock 2 ten un accesorio de carga por indución

luns, 28 de xuño do 2021 Marcus Fernández

Pese a que Lenovo non está presente fisicamente no Mobile World Congress de Barcelona podemos dicir que case é a única compañía que aproveitou a data para presentar novos produtos, entre os que figuran varias tabletas e unha interesante renovación do reloxo espertador conectado da compañía chinesa, que amplía posibilidades cun cargador sen fíos opcional, que facilita así a carga dun smartphone durante a noite.
O Lenovo Smart Clock 2 modifica lixeiramente a súa estética, estando agora dispoñible cunha carcasa cuberta de tea suave (dispoñible en 3 cores distintas), que presenta unha pantalla IPS de 4 polgadas no que amosar a hora e outros contidos. Funciona cun procesador MediaTek M%8167S, 1 GB de RAM e 8 GB de almacenamento interno, integra altofalantes frontais de 3 watts e o seu micrófono de longo alcance facilita que poidamos darlle ordes ao Asistente de Google que controla o dispositivo que conta con conectividade Wi-Fi N e Bluetooth 4.2.
Este trebello non é tan completo coma os altofalantes con pantalla de Google, pero pode resultar ideal para amosar a hora, imaxes de Google Photos, programar alarmas, lembrar citas na nosa axenda, escoitar música, consultar a predición meteorolóxica ou incluso comprobar o estado do tráfico antes de saír da casa. Un dispositivo moi práctico, que orientou a súa actualización nunha estética máis coidada e na integración dunha base de carga por indución que pode ser un grande reclamo para a súa compra.

O Lenovo Smart Clock 2 ten un accesorio opcional que o converte nunha base de carga sen fíos

PUBLICIDADE