O Lumia 550 inicia a súa comercialización

luns, 7 de decembro do 2015 Marcus Fernández

Tras o desembarco do Lumia 950 e o Lumia 950 XL, chega a hora de que Microsoft comece a comercializar os móbiles máis económicos con Windows 10, e inicia o lanzamento do Lumia 550, que xa se pode reservar en España por 119 euros (descoñecéndose polo momento a data exacta na que chegará ás tendas), e que sería os smartphone 4G con Windows 10 máis barato do mercado, converténdose nun dos equipos con maior relación calidade-prezo que podemos atopar actualmente.
O Lumia 550 ten como principal atractivo o uso de Windows 10, de xeito que ofrece unha experiencia consistente entre PC, tableta e teléfono, especialmente se traballamos co ecosistema formado por Microsoft Office, Cortana, OneDrive, Outlook e Skype, aplicacións e servizos que poden gozarse sen problemas na pantalla de 4,7 polgadas deste terminal que serve igualmente para facer un uso áxil de Facebook, Twitter e WhatsApp.
Pese ao seu prezo reducido, o Lumia 550 conta con certas funcións avanzadas como o sistema de Vista Rápida (que permite ver a hora, a data, notificacións e entradas do calendario sen ter que desbloquear o teléfono) e incluso pode conectarse á Rede a través de banda larga móbil a velocidades de até 150/50 Mbps.
No que respecta a especificacións estamos ante un dispositivo cun procesador Qualcomm Snapdragon 210 de catro núcleos a 1,1 GHz, 1 GB de RAM, 8 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD), cámara traseira de 5 Mpíxeles con flash LED, cámara frontal de 2 Mpíxeles, batería de 2.100 mAh, un grosor de 9,9 milímetros e un peso de 141,9 gramos.

Vídeo promocional do Lumia 550

PUBLICIDADE