O MEGA rende homenaxe este venres á música, aos videoxogos e ao espírito friki

luns, 18 de maio do 2026 S. P.

Este venres, 22 de maio, os seareiros da música e dos videoxogos teñen unha cita no MEGA (A Coruña) onde se xuntarán os devanditos dous mundos máis a gastronomía e o que se coñece como mundo friki.
En concreto, a partir das 21.00 horas o Museo de Estrella Galicia propón unha cea maridaxe inspirada no cinema, os videoxogos, a animación e a literatura de culto.
A cita consistirá nunha cea maridaxe con cervexas da casa e as mellores receitas a cargo de Terra Food, que contará, tamén, con música en directo, a cargo dunha mestra de cerimonias moi especial: a coñecida pianista e streamer Elesky, que conta con centos de miles de seguidores nas redes sociais.
A asturiana visitará de novo a Sala de Degustacións do Museo de Estrella Galicia para interpretar algunhas das bandas sonoras máis coñecidas do mundo do cinema e dos videoxogos máis relevantes da denominada cultura friki.
O menú incluirá pratos inspirados en iconografía recoñecible para os afeccionados ao lecer dixital e á cultura geek, con referencias a mundos postapocalípticos, dragóns ou aventuras espaciais. Entre as elaboracións figuran un ceviche acompañado dunha DDH Dobre IPA, langostinos en tempura de carbón activo ou unha costela glaseada con redución de Nuka-Cola, nunha combinación que mestura técnicas culinarias contemporáneas e estética inspirada nos videoxogos.
A actividade súmase na celebración mundial do Día do Orgullo Friki (internacionalmente celebrado cada 25 de maio).
A cita no Museo de Estrella Galicia da Coruña será este venres 22, a partir das 21.00 horas, e as últimas entradas están dispoñibles na web oficial do museo.