O MIU HDPC mestura Windows XP e CE nun único dispositivo móbil

mércores, 22 de outubro do 2008 Marcus Fernández

Hai uns meses en Corea presentaron o que sería un curioso híbrido entre varios dispositivos (ultraportátil, reprodutor multimedia, móbil, receptor de TDT móbil…) e agora que parece converterse en realidade o HDPC de MIU está a captar a atención de boa parte dos blogs tecnolóxicos do mundo, pois o concepto que parecía estrafalario podería ser moi axeitado para certos usuarios que poñan a mobilidade coma principal factor.
O MIU HDPC é realmente un dispositivo híbrido, porque ten varios dos seus compoñentes por duplicado, e así ten un procesador ARM que funciona co sistema operativo Windows CE e xestiona unha pantalla AMOLED de 2,4 polgadas cunha resolución de 320 x 240, o uso do teléfono móbil integrado, a toma de fotografías e a reprodución musical; á vez tamén conta cun procesador Intel Atom que corre con Windows XP e fai uso dunha pantalla de 4,1 polgadas cunha resolución de 800 x 480 píxeles, que se empregaría para navegar pola web, ver mapas ou acceder á TDT móbil (baixo o estándar surcoreano DMB).
O dispositivo tamén conta cun teclado QWERTY, sobre o que se poden colocar as pantallas do trebello en diferentes posicións: co teclado accesible (emulando a un ordenador portátil) ou tapando o teclado (podendo deixar visible a pantalla principal ou a secundaria, segundo o uso que se queira dar do HDPC).
En conectividade tampouco se queda corto, e o trebello de MIU soporta tanto HSDPA coma Wi-Fi vendéndose en Corea por un prezo equivalente a uns 300 euros, o que parece moi axustado para un dispositivo que combina con tanta habilidade as características dun teléfono intelixente cun ultraportátil de baixo custo (aínda que cunha estética moi mellorable).

O HDPC é un dispositivo bastante versátil


En vídeo é doado entender os distintos usos do HDPC e a colocación das súas pantallas

PUBLICIDADE