O Meizu M6 Note contará con dobre cámara traseira
mércores, 23 de agosto do 2017
Hai poucas horas o fabricante chinés Meizu presentou o que
promete ser o grande supervendas dos vindeiros meses, o seu smartphone de gama
media Meizu M6 Note, que chegará ao mercado con pantalla Full HD de 5,5
polgadas, carcasa en tres cores (negra, azul ou dourada), lector de pegadas
dixitais de grande velocidade (le unha pegada en 0,2 segundos) e atención pola
última tendencia: a dobre cámara.
Pese a estarmos ante un teléfono económico, presenta na súa parte traseira dúas
cámaras de 12 e 5 Mpíxeles, con tecnoloxía de enfoque Dual DP (capaz de enfocar
en 0,03 segundos), algoritmos de procesamento de imaxe de ArcSoft e obxectivo
6P cunha apertura f/1.9; aínda que tamén chama poderosamente a atención que a
súa cámara frontal sexa de 16 Mpíxeles.
O Meizu M6 Note funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 625 de 8 núcleos a
2.0 GHz, 3/4 GB de RAM, 16/32/64 GB de almacenamento, batería de 4.000 mAh con
mCharge e carga rápida (18W) e incluso unha versión do seu sistema operativo
bastante actualizada (Android 7.1.2).
Este teléfono sairá á venda en China o 2 de setembro a un prezo de 1.099 iuans
(140 euros) para o modelo con 3 GB de RAM e 16 GB de almacenamento, de 1.299
iuans (165 euros) para a opción con 3 GB de RAM e 32 GB de almacenamento e de
1.699 iuans (216 euros) para o modelo con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento.
Un digno sucesor do Meizu M5 Note, ao que claramente supera en procesador e
tecnoloxía de cámara.