O Mi 11 chegará a España este mes a un prezo que parte dos 749 euros

martes, 9 de febreiro do 2021 Marcus Fernández

Xiaomi presentou o seu novo móbil insignia, o Mi 11, que este mes chegará ás tendas a un prezo de 749 euros con 128 GB de almacenamento interno e de 799 euros con 256 GB de capacidade, prezo bastante agresivo para competir cos móbiles de gama alta do resto de fabricantes cos que busca compararse destacando que funciona cun potente procesador Qualcomm Snapdragon 888, unha cámara traseira tripla cun sensor principal de 108 Mpíxeles e tecnoloxía de carga rápida que chega até os 50 watts sen fíos.
A cámara traseira do Mi 11 é o máis rechamante deste móbil, xa que Xiaomi decidiu limitarse a 3 cámaras traseiras en vez de caer na tentación de engadir sensores de pouca utilidade simplemente para ofrecer máis cámaras. O sensor principal de 108 Mpíxeles xa pode considerarse un vello coñecido, que consegue un grande nivel de detalle, mentres que as outras cámaras que o acompañan teñen un sensor de 13 Mpíxeles con ultra grande angular e outro de 5 Mpíxeles para macro, ou sexa, que desta volta Xiaomi non ofreceu ningún teleobxectivo rechamante (algo que non sorprendería que chegarse en breve nunha versión máis avanzada deste móbil), mentres que a cámara frontal ten unha resolución de 20 Mpíxeles.
As cámaras ofrecen numerosas funcións avanzadas, que van dende o modo nocturno até efectos de gravación cinematográfica. Tamén pode gravar vídeo con HDR10+ e conta cun novo modo de time-lapse profesional que axusta a obturación, a apertura e a sensibilidade da cámara para adaptarse ás distintas situacións de luminosidade.
Outro punto forte do Mi 11 é a súa pantalla AMOLED de 6,81 polgadas, pro presentar unha resolución Quad HD+ cun refresco de até 120 Hz, que xunto aos seus altofalantes estéreo asinados por Harman Kardon consegue unha boa experiencia audiovisual.
O feito de que o Mi 11 funcione cun procesador Snapdragon 888 non só indica que ten grande potencia (por exemplo, pode mover xogos con gráficos HDR a 120 imaxes por segundo en resolución Quad HD), senón tamén que integra un modem X60 que permite gozar da 5G máis rápida. O móbil tamén conta con 8 GB de RAM LPDDR5 a 3.200 MHz, conectividade Wi-Fi 6, NFC e emisor de infravermellos. Ten lector de impresións dixitais en pantalla e desbloqueo facial.
A súa batería de 4.600 mAh pode cargarse a 55 watts con cable, a 50 watts sen cable, pode ofrecer carga sen fíos a 10 watts a outros dispositivos (moi práctico para, por exemplo, cargar o estoxo duns auriculares sen fíos) e en Europa incluirá na caixa un cargador GaN de 55 watts, evitando así as críticas da eliminación do cargador, que estarían máis que xustificadas en dispositivos con cartas ultra-rápidas, xa que non é habitual contar cun destes cargadores nos fogares (xa que son moi recentes).

PUBLICIDADE