O Mi 9 chegará a España a un prezo base de 449 euros

domingo, 24 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

A pasada semana Xiaomi presentou o seu vindeiro smartphone insignia, o Mi 9, un impresionante terminal con pantalla AMOLED Full HD+ de 6,39 polgadas e lector de pegadas integrado, procesador Qualcomm Snapdragon 855, 6/8/12 GB de RAM, 64/128/256 GB de almacenamento interno, NFC e batería de 3.300 mAh con carga rápida por cable e sen fíos (de 27 e 20 watts respectivamente) e unhas cámaras de impresión, que sairá á venda en Europa o vindeiro día 28 a un prezo que partirá dos 449 euros para o modelo con 6 GB de RAM e 64 GB de almacenamento interno e dende 499 euros para o modelo con 6 GB e 128 GB de almacenamento interno, conseguindo unha relación de prestacións e prezo sen igual.
Este terminal conta cunha cámara frontal de 20 Mpíxeles situada nunha pestana de tipo pinga na parte superior central da pantalla, sendo realmente destacable a súa cámara traseira tripla, que combina un sensor Sony IMX586 de 48 Mpíxeles apoiado por un grande angular de 16 Mpíxeles e un teleobxectivo de 12 Mpíxeles, que conseguiron unha magnífica puntuación en DxOMark, de xeito que sería o mellor móbil de mercado para a gravación de vídeo, mentres que en liñas xerais só se vería superado polo Huawei Mate 20 Pro, o Huawei P20 Pro e o Samsung Galaxy S10 Plus.

Mi MIX 5G

Pero no Mobile World Congress de Barcelona Xiaomi non só confirmou o prezo e a data de lanzamento do Mi 9, senón que tamén puxo un pé na telefonía móbil da vindeira xeración, e presentou unha versión 5G do Mi MIX 5 (que na súa versión 4G chegou a España a primeiros de xaneiro a un prezo que parte dos 499 euros), que estará equipada cun modem Snapdragon X50, que contribuirá á adopción inicial das novas redes 5G grazas a un prezo realmente sorprendente, xa que está previsto que este smartphone saia á venda en maio a un prezo de a partires de 599 euros.
Lembremos que os analistas estimaban que a incorporación do 5G podería incrementar inicialmente o prezo dos smartphones entre 200 e 300 dólares, salto de prezo difícil de xustificar para o usuario final, xa que as redes 5G tardarán moito en ser unha realidade (esta tecnoloxía non iniciará a súa fase comercial até 2020, e podería tardar varios anos en contar cunha boa implantación), pero se fabricantes como Xiaomi conseguen conter o prezo dos smartphones 5G será unha grande nova para os programas piloto que promoverán a nova xeración de comunicacións móbiles.

PUBLICIDADE