O MobileLite Wireless permite acceder a memorias USB e tarxetas SD dende dispositivos móbiles

martes, 28 de maio do 2013 Marcus Fernández

Para facilitar o acceso a memorias USB e tarxetas SD Kingston pon á venda un dispositivo chamado MobileLite Wireless, que cole a música, as fotografías, os vídeos e os ficheiros en xeral que teñamos almacenados e facilita que a través de Wi-Fi poidamos acceder aos mesmos dende o noso dispositivo móbil valéndonos dunha aplicación de balde dispoñible para iOS e para Android. Deste xeito, os documentos estarían dispoñibles ata para 3 usuarios á vez, aínda que esa non sería a única prestación interesante deste trebello que integra unha batería de 1.800 mAh que serve non só para permitirlle funcionar durante 5 horas de uso continuo, senón que tamén pode funcionar como batería externa para cargar o móbil en caso de emerxencia.
O MobileLite Wireless pode acceder a memorias formatadas en FAT, FAT32, exFAT e NTFS, e pode ler tarxetas SD, SDHC, SDXC e microSD (estas últimas, cun adaptador incluído); mide 124,8 x 59,9 x 16,65 milímetros, pesa 98 gramos e está á venda por uns 60 euros.

O Kingston MobileLite Wireless pode funcionar como cargador portátil

PUBLICIDADE