O Moto X4 aposta pola cámara traseira dual

venres, 1 de setembro do 2017 Marcus Fernández

Este mes chegará ás tendas españolas a un prezo de 399 euros o novo Moto X4, un atractivo smartphone de Lenovo construído en aluminio anodizado que conta con protección Corning Gorilla Glass nas súas partes traseira e dianteira, que soporta a auga (conta con certificación IP68) e que busca centrar a atención na súa dobre cámara traseira de 12 e 8 Mpíxeles, capaz de disparar retratos con enfoque selectivo e aplicar efectos (como mudar o fondo da imaxe) mentres que a cámara frontal ten uns xenerosos 16 Mpíxeles cun modo de funcionamento baixo pouco luz e a posibilidade de disparar selfies panorámicas para que ninguén quede fóra en fotografías de grupo.
Este novo smartphone funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 630 de 8 núcleos a 2,2 GHz, 3 GB de RAM e 32 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD), a súa batería de 3.000 mAh promete aguantar todo o día e conta con carga rápida que permite usar o teléfono durante 6 horas tras só 15 minutos de carga.
Non lle falta lector de pegadas dixitais, NFC, toma para auriculares e porto USB-C, aínda que tendo en conta todas estas especificacións e o feito de que a súa pantalla de 5,2 polgadas teña unha resolución Full HD dá a entender que estamos ante un terminal que parece estar nun rango de prezo pouco atinado, pois hai teléfonos de gama alta doutros fabricantes máis reputados por un prezo semellante que, aínda que carecen de dobre cámara traseira, superan ao Moto X4 en practicamente todos os demais aspectos.

Vídeo promocional do Moto X4

PUBLICIDADE