O Motorola DEFY PRO, o móbil resistente con Android para uso profesional

luns, 9 de xullo do 2012 Marcus Fernández

Entre os deportistas teñen certa sona os móbiles Motorola DEFY, DEFY+ e DEFY MINI, por contar cun deseño resistente que os converte en axeitados para levar enriba durante os adestramentos, e o seu fabricante optou agora por unha nova iteración deste dispositivo pensando no público profesional, incorporándolle un teclado QWERTY completo sen prescindir de pantalla táctil (de 2,7 polgadas con Gorilla Glass para soportar rabuñaduras).
O Motorola DEFY PRO resiste auga e po, resulta moi áxil para o uso do correo electrónico e as mensaxes de texto, inclúe MotoPrint para facilitar o uso de impresoras directamente dende o móbil e inclúe a aplicación Quickoffice para a edición de documentos ofimáticos. Tamén conta coas aplicacións propias da familia DEFY para axudar nos adestramentos e que non nos perdamos de saír a facer sendeirismo.
Este terminal co sistema operativo Android 2.3 ten Wi-Fi, DLNA, Bluetooth, GPS, cámara de 5 Mpíxeles con flash e enfoque automático, inclúe 2 Gb de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas de memoria de ata 32 Gb e vai chegar ao mercado brasileiro o vindeiro domingo. O calendario de distribución internacional deste terminal aínda non se deu a coñecer, pero é de agardar que a finais do verán tamén poidamos velo por Europa.

PUBLICIDADE