O Nexus S será o novo móbil de referencia para Google/Android

venres, 10 de decembro do 2010 Marcus Fernández

Esta semana dende Google non só anunciaron a versión 2.3 de Android, senón que tamén deron a coñece o seu teléfono Nexus S, que funcionará coa mencionada versión de Android e que, coma viña rumoreándose, vén a ser unha versión do Samsung Galaxy S adaptada ás necesidades de Google.
O Nexus S ten unha pantalla de 4 polgadas, cámara de 5 Mpíxeles (e unha cámara VGA frontal par videoconferencia), 512 Mb de RAM, 16 Gb de almacenamento en placa, procesador a 1 GHz, Wi-Fi N, Bluetooth 2.1, A-GPS e tecnoloxía NFC (que permite usar o móbil coma método de pagamento). Ao funcionar con Android 2.3 o Nexus S ten posibilidades como a de permitir VoIP de xeito nativo (podendo establecer comunicacións a través de SIP) ou contar cun teclado virtual multi-táctil. En definitiva, un digno sucesor do Nexus One que mellora considerablemente a súa potencia gráfica e incorpora unha pantalla Super AMOLED, o que é toda unha garantía de calidade. De todos os xeitos, estamos ante un terminal pouco revolucionario, que só ten á tecnoloxía NFC como principal elemento de diferenciador ao Samsung Galaxy S.


Vídeo de presentación do Google Nexus S

PUBLICIDADE